O BNG de Vigo reclama á Xunta que impida unha desfeita en Cabo Estai coa construción de novos chalés a pé de mar

Xabier P. Igrexas e Alexandra Fernandez durante unha visita a Cabo Estai co presidente da AV San Miguel de Oia
Xabier P Igrexas e Alexandra Fernandez con Ángel Goberno en Cabo Estai

A fronte nacionalista traslada ao Parlamento galego as dúbidas e irregularidades que roden o proxecto urbanístico após non recibir explicacións por parte do Concello de Vigo

Alexandra Fernández: “A Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda non pode estar amparando unha actuación tan lesiva coma esta nunha zona de singular valor”

Xabier P. Igrexas: “O tempo da barra libre urbanística ten que darse por rematado, ningún apelido por importante que sexa pode xustificar esta obra a poucos metros da costa”

O BNG de Vigo reclama á Xunta que impida unha desfeita en Cabo Estai coa construción de novos chalés a pé de mar

O Bloque Nacionalista Galego reclama a intervención da Xunta para impedir unha “desfeita” en Cabo Estai coa construción de novos chalés a poucos metros da costa de Vigo. A fronte nacionalista traslada ao Parlamento galego as numerosas dúbidas e irregularidades que rodean o proxecto urbanístico após non recibir explicacións nin respostas claras por parte do Concello ás interpelacións realizadas polo BNG para garantir que se está cumprir de maneira “estrita” a legalidade urbanística.

“Estamos vendo unha serie de actuacións que atentan contra este entorno que é unha auténtica xoia do litoral vigués, un dos poucos que non foron fortemente urbanizados”, denunciou a deputada do BNG no Parlamente galego, Alexandra Fernández, que visitou o lugar das obras co concelleiro nacionalista, Xabier P. Igrexas, e o presidente da asociación de San Miguel de Oia, Ángel Goberna, que encabezan a oposición veciñal a este proxecto.

Fernández asegurou que o Bloque vai “redodrar esforzos” para esixir que o Goberno galego tome cartas no asunto, escoite as protestas da veciñanza da parroquia e vele polo interese xeral. “A Xunta de Galiza, a través da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, non pode estar amparando unha actuación tan lesiva coma esta nunha zona de singular valor paisaxístico”, destacou.


A deputada nacionalista apuntou que o novo PXOM de Vigo cataloga este espazo como zona de especial protección natural. “Algunhas actuacións poden estar fóra da legalidade e existe unha distorsión entre o propio proxecto e o que realmente se está materializando, como vén denunciando a veciñanza”, salientou Fernández.

Fin da barra libre urbanística

Pola súa parte, o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, criticou que a Xerencia Municipal de Urbanismo nin ningunha outra autoridade no ámbito teñan dado explicacións nin respostas claras polo momento ás interpelacións realizadas pola fronte nacionalista. “Existen dúbidas sobre a titularidade dos terreos que se ceden ao Concello e sobre a licenza municipal outorgada para asfaltar a moi poucos metros da liña costeira”, salientou Igrexas.

O edil do Bloque advertiu de que “o tempo da barra libre urbanística ten que darse por rematado” e sinalou que “ningún apelido por importante que sexa pode xustificar esta obra”. Neste sentido, lamentou a “desatención permanente” do goberno de Abel Caballero das denuncias da veciñanza. “Non podemos comprender por que se inhibe e se nega a exercer as súas competencias en materia urbanística para evitar desfeita”, afeou.

Igrexas anunciou que seguirán a reclamar nas vindeiras semanas ante a Xerencia de Urbanismo o cumprimento de maneira “estrita” da legalidade e que proxectos destas características, a escasa distancia do mar, se poidan seguir levando a cabo. 

O BNG de Vigo reclama á Xunta que impida unha desfeita en Cabo Estai coa construción de novos chalés a pé de mar