O BNG acusa á Xunta do PP de colapsar as Urxencias de Vigo por mor dos recortes sanitarios
A fronte nacionalista sinala que o peche de centros de saúde polas tardes e a falta de persoal están a provocar unha “preocupante e grave” saturación no PAC e no Hospital Álvaro Cunqueiro
Denuncia esperas de até 48 horas para ser ingresados por falta de camas e derivacións de doentes cara centros privados como Povisa e Fátima pola sobrecarga asistencial
Montse Prado: “O goberno do PP está volcado en crear un relato fraudulento de que só hai problemas puntuais, cando esa non é a realidade da sanidade pública galega”
Xabier P. Igrexas: “Advertimos ao conselleiro de Sanidade de que non reforzar o servizo sanitario na área de Vigo é incorrer nunha evidente neglixencia criminal”
O Bloque Nacionalista Galego acusa á Xunta do PP de colapsar as Urxencias de Vigo coa súa política de recortes sanitarios. A fronte nacionalista vén de rexistrar iniciativas no Parlamento galego para esixir unha rectificación do peche de centros de saúde polas tardes e pola falta de persoal que están a provocar unha “preocupante e grave” saturación no Punto de Atención Continuada (PAC) e no Hospital Álvaro Cunqueiro, que ten rexistrado máis de 500 ingresos nun só día.
“Todas as persoas que tardan semanas en atender nos centros de saúde por falta de persoal acoden ao PAC, que está totalmente colapsado. E como tampouco teñen resposta acaban nas Urxencias do Álvaro Cunqueiro, onde a situación é realmente moi complicada e grave”, denunciou en rolda de prensa a portavoz de Sanidade do BNG, Montse Prado, acompañada do portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas. “As e os profesionais sanitarios están continuamente en situación de emerxencia, como se aplicaran medicina de guerra”, lamentou.
Prado asegurou que este verán de 2022 a situación da sanidade pública está pasando “liñas vermellas e chegando a situacións de alarmas” tras 13 anos de continuados recortes e privatizacións por parte do PP. Nese sentido, recriminou ao Goberno galego que trate de “ocultar a realidade” e de “crear un relato fraudulento de que só hai problemas puntuais, cando esa non é a realidade da sanidade pública galega e da área sanitaria de Vigo”.
A deputada nacionalista lembrou que na área sanitaria de Vigo hai hoxe máis de 8 mil persoas agardando por unha intervención cirúrxica, até 33 mil persoas agardando por unha primeira consulta hospitalaria e moitas máis esperando polas sucesivas, e máis de 20 mil á espera dunha proba diagnóstica.
48 horas para ingresar
Desde a fronte nacionalista subliñaron que esta situación de colapso foi advertida en numerosas ocasións polo propio persoal, as organizacións sindicais e políticas como o BNG, sen que a Xunta do PP escoitara ningunha das voces de alarma. Un problema que, a xuízo das nacionalistas, obedece a un deseño político e ideolóxico do PP que converteu a área sanitaria de Vigo “nun banco de probas” dos recortes e das privatizacións.
Recortes que, explicou Prado, están a “restrinxir” a capacidade de resposta da Atención Primaria, onde se resolven entre o 80 e o 90% dos procesos de saúde, e que acaban por sobrecargar o PAC e as Urxencias hospitalarias. Recortes como o peche de camas programado polo Sergas durante o verán que está a provocar esperas de até 48 horas para que as e os doentes da área sanitaria de Vigo poidan ser ingresados.
“O que é tamén a coartada perfecta para que a Xunta do PP avance na privatización, derivando pacientes que entran nas Urxencias da pública e acaban derivados a centros privados como Povisa ou Fátima para seren operados porque, di o Goberno galego, o Hospital Álvaro Cunqueiro non ten capacidade para facelo no tempo adecuado”, denunciou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.
Neglixencia criminal
O concelleiro nacionalista na cidade advertiu ao conselleiro de Sanidade de que pode “incorrer nunha evidente neglixencia criminal, porque está poñendo en risco a saúde mesmo a vida de persoas por non atender debidamente o necesario reforzo, nomeadamente de persoal, da atención sanitaria na área de Vigo”.
Igrexas urxiu a atender os chamamentos do persoal sanitario, que vén alertando con concentracións da sobrecarga asistencial, así como o “clamor unánime” que se ten manifestado en Vigo con numerosas e masivas mobilizacións que esixen unha rectificación completa da política sanitaria do PP.