O BNG de Vigo emenda o regulamento do Pleno para alargar a calidade democrática e dotalo de máis participación e transparencia
A fronte nacionalista propón retirar as restricións para conformar grupos municipais, aumentar a capacidade de control e iniciativa política da oposición, e despregar novos medios de participación directa da veciñanza e dos colectivos sociais no Pleno.
O Bloque rexeita a pretensión do Goberno municipal de “doparse” duplicando as intervencións do PSOE, que provocarían que o grupo de goberno intervise 13 minutos fronte aos apenas 2 que se lle permiten ao concelleiro nacionalista.
Xabier P. Igrexas: “O BNG queremos reforzar o papel do Pleno fronte a quen quere reducilo a unha función ornamental e residual. Queremos máis transparencia, máis pluralidade e máis participación. En síntese: máis e mellor democracia municipal”.
O Bloque Nacionalista Galego presentou esta mañá unha batería de 24 emendas parciais á proposta de modificación do Regulamento Orgánico do Concello de Vigo promovida polo Goberno municipal. A fronte nacionalista aposta por aproveitar a modificación para rectificar a “deriva restritiva e autoritaria” dos últimos anos, alargando a calidade democrática do Concello e dotando o Pleno de máis participación e transparencia.
O concelleiro do BNG na cidade de Vigo, Xabier P. Igrexas, explicou en rolda de prensa que o Regulamento Orgánico do Pleno é o documento que “define o marco normativo para o exercicio de dereitos fundamentais dos e das membros do Pleno, das diferentes forzas políticas e, polo tanto, da representación institucional da vontade popular da cidadanía expresada libremente nas urnas”.
Desde o Bloque instan a aproveitar o proceso en modificación que promove o Goberno de Caballero, para o adaptar a diferentes cambios normativos e introducir a nova realidade dixital e a situación derivada das restricións santarias, para aumentar tamén a capacidade de control, fiscalización e iniciativa política do conxunto da Corporación Municipal.
A respeito dos cambios propostos polo executivo local, Igrexas, rexeitou de plano a intención do executivo de Caballero de “doparse co regulamento para duplicar as quendas de intervención do PSOE”. Neste sentido, explicou que nos puntos ordinarios, cando se abordan propostas de acordo do Goberno, o actual regulamento prevé unha intervención inicial de 5 minutos para o executivo, seguida dunha rolda de intervencións de todos os grupos da oposición e unha quenda final de réplica para o Goberno de 3 minutos. “O que pretende Caballero é doparse de tempo de intervención para converter os Plenos nun monólogo do PSOE”, reprochan. Desta maneira, coa proposta oficial o Grupo Municipal Socialista podería intervir un total de 13 minutos fronte aos apenas 2 minutos que impón o rexedor para as quendas do BNG.
Grupos municipais
En total a fronte nacionalista formulou 24 emendas parciais. Un dos aspectos de maior importancia que recollen é corrixir o que cualifican de “disparate antidemocrático” en relación á conformación dos diferentes grupos municipais. “Non se pode utilizar o Regulamento para tentar alterar o resultado electoral. As viguesas e os vigueses nas últimas eleccións quixeron que no Pleno estivésemos representadas 4 forzas políticas, onde antes só había 3. É un evidente atropelo impedir que as diferentes forzas poidamos ter grupo propio”, explicou Igrexas. Por iso unha das emendas defende adecuar o regulamento ao previsto na Lei de Bases de Réxime Local que non esixe un número mínimo de edís para conformar grupo municipal. “É inaceptábel que por artimañas burocráticas se diga que o BNG non existe no Pleno cando 8.500 viguesas e vigueses co seu voto, que vale tanto como o de quen votou por Abel Caballero, elixíronme concelleiro”, acrecentou.
Máis iniciativas
Outro dos aspectos recollidos nas propostas do Bloque é aumentar a capacidade de iniciativa política das diferentes forzas políticas. Neste sentido, propoñen garantir que todos os grupos poidan presentar até 3 mocións, así como formular 3 rogos e 6 preguntas. Aliás, instan a diferenciar, como sucede xa noutras cidades galegas, as preguntas para resposta oral das de resposta escrita. “No que levamos de mandato o Goberno de Abel Caballero respondeu un total de CERO rogos e preguntas das que o BNG lle formulamos en todos os Plenos e en todas as Comisións Informativas”, denunciou Igrexas.
O edil defendeu ademais a esixencia democrática de que o Goberno municipal responda cando é interpelado e non se refuxie prometendo respostas por escrito que nunca envia. “As viguesas e os vigueses merecen un Goberno que dea a cara e que se explique de viva voz diante das preguntas da oposición”, subliñou.
Tribuna veciñal
Entre as novidades que promove o Bloque está a creación dunha “Tribuna Veciñal” consistente en habilitar unha quenda de rogos e preguntas aberta á participación directa de colectivos sociais e veciñanza a nivel particular, na última parte das sesións ordinarias. Serían até 5 rogos e preguntas por sesión, previa solicitude, e con posibilidade de intervencións de todos os grupos.
“Queremos que a cidadanía e os movementos sociais poidan expresarse con voz propia diante do máximo organismo de representación institucional da cidade que é o Pleno. Democracia é moito máis que votar cada catro anos”, argumentan.
Máis e mellor democracia municipal
Nas emendas recóllense tamén medidas para facilitar o acceso aos expedientes e a fiscalización da xestión municipal, outorgarlle un maior papel á Xunta de Voceiros/as fronte ao abuso de poder da alcaldía, asegurar o funcionamento da comisión especial de supervisión da contratación que leva anos sen reunirse. Tamén queren facilitar a intervención de colectivos sociais nas sesións Plenarias retirando a capacidade do alcalde para as vetar e facilitar o proceso para a petición de comparecencias do Goberno perante o Pleno. “Cando se adoptan decisións tan graves como prorrogar sen motivo concesións millonarias o normal sería que o Goberno dese explicacións diante do Pleno”, sosteñen.
“As emendas do BNG o que pretenden é reforzar o papel do Pleno fronte a quen quere reducilo a unha función ornamental e residual. Queremos máis transparencia, máis pluralidade e máis participación. En síntese: máis e mellor democracia municipal”, resumiu Xabier P. Igrexas.