O BNG de Vigo emenda a suba xeral dos impostos de Caballero para 2025 por “inxusta e innecesaria”
A fronte nacionalista rexeita unha nova suba xeral do 4% nas taxas municipais e formula 55 emendas ás ordenanzas fiscais do vindeiro ano para avanzar cara a “un modelo equitativo no que pague menos quen ten menos recursos”
Xabier P. Igrexas: “É unha tomadura de pelo que o alcalde pretenda seguir a aumentar a presión fiscal cando a maioría social inda non recuperou o poder adquisitivo previo á crise da inflación e o Concello deixou o ano pasado 115 millóns de euros sen executar”
O Bloque Nacionalista Galego oponse a suba xeral dos impostos que pretende o Goberno de Abel Caballero para o ano 2025 por “inxusta e innecesaria”. A fronte nacionalista rexeita así o incremento xeral do 4% nas taxas municipais, por segundo ano consecutivo, formulando 55 emendas ás ordenanzas fiscais para avanzar cara a “un modelo equitativo e progresivo no que pague menos quen ten menos recursos”
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, cualificou esta nova suba dos impostos de “tomadura de pelo” e acusou o Goberno local de carecer de xustificación económica para esta decisión. “É inaceptábel que o alcalde pretenda seguir a aumentar a presión fiscal nun contexto no que a maioría social inda non recuperou o poder adquisitivo previo á crise da inflación e cando o Concello de Vigo deixou sen executar 115 millóns de euros do orzamento do pasado ano 2023”, afeou.
Por estes motivos, dende o Bloque veñen de trasladar 55 emendas que incorporan demandas e propostas dos movementos e sociais e da veciñanza de Vigo para unha fiscalidade municipal “socialmente xusta” con máis bonificacións e exencións. Entre elas, Igrexas propuxo unha rebaixa do 50% para as familias e fogares con menos recursos no recibo do IBI, no imposto de circulación, no recibo do lixo e nas escolas municipais e instalacións deportivas. Na mesma liña, chamou a bonificar nun 95% as facturas do IBI e do lixo para os locais de asociacións e entidades sen ánimo de lucro.
Medidas fiscais fronte ao problema da vivenda
Entre as emendas nacionalistas, o portavoz municipal do BNG destacou as medidas fiscais para enfrontar o “gravísimo problema” do acceso social á vivenda en Vigo. Nesa liña, chaman a gravar nun 95% o recibo do IBI para as vivendas desocupadas na cidade, máis de 20 mil segundos os últimos datos oficiais, e tamén das vivendas de uso turístico, diante da súa proliferación superando as 2 mil na actualidade. En sentido inverso, Igrexas propuxo bonificar nun 95% este imposto para aquelas vivendas incorporadas a algún programa público de promoción do alugueiro ou destinadas a arrendamentos en réxime de protección ou de carácter social.
Máis impostos ás grandes empresas
Dende o BNG defenden un incremento do 20% no Imposto de Actividades Económicas para as empresas cunha facturación superior a 1 millón de euros, co obxectivo de compensar as bonificacións e exencións para as persoas e familias con menores recursos. Na mesma liña, chamaron a recargar nun 95% o IBI e as taxas de actividade para a “lacra” das casas de apostas e similares, así como as empresas dedicadas á xestión e promoción de vivendas de uso turístico. Do mesmo xeito, piden subir as taxas que pagan os bancos e entidades financeiras por uso da vía pública cos caixeiros.
Fin da “estafa” da auga
Un dos asuntos centrais das emendas do Bloque ás ordenanzas fiscais pasan por avanzar cara á “fin da estafa” da tarifa da auga. Así, Igrexas demandou a creación dun grupo de traballo dentro da Comisión Informativa de Orzamentos e Facenda, aberto á participación do tecido asociativo e de persoas expertas, para definir un novo modelo xestión integral que considere a auga como un ben público, avanzando cara á remunicipalización do servizo e cara a un sistema de tarifas socialmente máis xusto. Nese camiño, propuxo un desconto do 25% para aqueles fogares con consumos inferiores aos 3 metros cúbicos por persoa e mes, ademais da exención total para persoas perceptoras de axudas sociais para garantir o acceso universal a este ben básico.
Apoio do deporte e da cultura
Entre as medidas de apoio ao tecido asociativo, o portavoz municipal nacionalista pediu a gratuidade das taxas para uso das instalacións deportivas municipais para aqueles clubs que as utilizan durante toda a tempada como unha medida de “importante alivio económico” para estas entidades e de fomento do deporte de base. No relativo á cultura, o Bloque chamou a aumentar o desconto dos abonos para acudir a espectáculos organizados polo Concello do actual 30% ao 50%.