O BNG rexeita o intento de “dedazo antidemocrático” para designar Galovart como nova Valedora da Cidadanía de Vigo
A fronte nacionalista critica que o alcalde non comunicara a renuncia de Luís Espada aos grupos da oposición e afea a “falla de consenso” para a sucesión, competencia do Pleno
Cuestiona a "clara vinculación" de Galovart co PSOE xerando “enormes dúbidas” de que que actúe con plena independencia, imparcialidade e obxectividade como require o cargo
Xabier P. Igrexas: “Cómpre abrir unha nova etapa na Valedoría, toda vez levamos desde 2017 sen o seu informe anual e con máis de 15 mil queixas veciñais neste mandato”
O Bloque Nacionalista Galego rexeita o intento de “dedazo antidemocrático” para designar Dolores Galovart como Valedora da Cidadanía do Concello de Vigo. A fronte nacionalista critica que o alcalde non comunicara a renuncia do actual Valedor, Luis Espada, aos grupos da oposición e anunciara a persoa sucesora no cargo sen informar á Xunta de Portavoces, sen diálogo nin consenso, e pese a que seu o nomeamento é competencia do Pleno municipal.
“Abel Caballero volveu practicar a súa soberbia autoritaria ao pretender indixitar a persoa que vai ocupar a Valedoría da Cidadanía”, cuestionou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, lembrando que Espada foi designado por unanimidade da Corporación municipal en 2002 após a creación deste organismo por impulso dun Goberno local liderado polo alcalde nacionalista Lois P. Castrillo.
Igrexas considerou que designación da nova persoa á fronte da Valedoría ten que ser “dialogada e consensuada” para garantir a pluralidade, independencia e capacidade de acción que require o cargo. “Por iso instamos a Abel Caballero a dar marcha atrás e a abrir un proceso de diálogo real con todas as forzas políticas para acordar, a ser posíbel de maneira unánime, unha nova Valedoría que sexa útil para a veciñanza”, esixiu.
Clara vinculación co PSOE
O portavoz municipal do BNG puxo en dúbida tamén a elección de Galovart pola súa “clara vinculación” co PSOE, da que foi deputada no Congreso, e pola súa “manifesta afinidade persoal” co alcalde. “Sen desprezar a acreditada traxectoria profesional e os méritos da señora Galovart, estas condicións crean enormes dúbidas de que poidamos confiar nunha Valedora que actúe con plena independencia, imparcialidade e obxectividade como estabelece o Regulamento”, lamentou Igrexas, que asegurou que “en ningún caso o Bloque pode aceptar que se subordine a Valedoría ao grupo de Goberno”.
Nese sentido, subliñou que o Regulamento é “moi claro” sobre os requisitos para ocupar este cargo, que é incompatíbel “con todo mandato representativo; con todo cargo político ou actividade de propaganda política; coa afiliación a un partido político ou o desempeño de funcións directivas nun partido político, sindicato e asociacións empresariais; co exercicio das carreiras xudicial e fiscal e na permanencia no servizo activo do Concello de Vigo ou seus organismos públicos del dependentes ou participados”.
Nomeamento irregular
Dende a fronte nacionalista valoraron ademais que este nomeamento vaise producir nunha situación “abertamente irregular” pola negativa do Goberno de Caballero a constituír a Comisión Especial de Suxestións e Reclamacións do Concello, de carácter obrigatorio. “A Valedoría está definida, precisamente, como órgano de enlace e colaboración desa hoxe inexistente Comisión”, salientou Igrexas.
Unha circunstancia, lembrou o portavoz municipal nacionalista, que foi reiteradamente denunciada polo BNG, urxindo a posta en marcha desta Comisión Especial para “poder exercer unha verdadeira e efectiva supervisión e fiscalización da Administración municipal e para atender as numerosas queixas e demandas da veciñanza, que desde o inicio deste mandato xa son máis de 15 mil”.
Nova etapa na Valedoría
Para o BNG a saída de Espada, a primeira remuda no organismo en 22 anos, é unha oportunidade para abrir unha nova etapa á fronte da Valedoría afeando que dende o ano 2017 non presenta o seu informe anual diante do Pleno. “Diante dun Goberno municipal que insiste na súa xordeira autoritaria, na súa falla de diálogo co tecido asociativo e na desatención das demandas veciñais, é máis necesario do que nunca que a Valedoría exerza as súas competencias e compareza diante do Pleno”, demandou Igrexas
“Unha Valedoría do conxunto da cidadanía de Vigo e non só do PSOE”, remachou Igrexas, quen considerou necesario que “Caballero deixe de confundir a súa lexítima maioría cunha monarquía absoluta a nivel municipal”.