O BNG de Vigo esixe anular a suspensión “ilegal” dos prazos do IOP por parte da concelleira de Urbanismo

Xabier P. Igrexas, concelleiro e candidato do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas, concelleiro e candidato do BNG de Vigo

A fronte nacionalista rexistra un recurso de reposición contra esta decisión “unilateral” por non ser sometida ao preceptivo acordo do Pleno municipal e por carecer de motivación

Advirte de que esta “chapuza” se vai traducir nunha “colosal inseguridade xurídica” e no risco de nulidade de todas as actuacións urbanísticas autorizadas a partir da resolución

Xabier P. Igrexas: “Caballero ten moito interese en demorar a tramitación para evitar que as viguesas e os vigueses voten o 28 de maio coñecendo a realidade do que pretende facer co novo PXOM”

O BNG de Vigo esixe anular a suspensión “ilegal” dos prazos do IOP por parte da concelleira de Urbanismo

O Bloque Nacionalista Galego de Vigo esixe anular a suspensión do cómputo do prazo de vixencia do Instrumento de Ordenación Provisional (IOP), decretada o pasado 4 de abril de forma “clandestina e ilegal” pola concelleira de Urbanismo, María José Caride. A fronte nacionalista vén de rexistrar “por responsabilidade” un recurso de reposición contra esta decisión “unilateral” por non ser sometida ao preceptivo ditame do Pleno municipal e por carecer de motivación.

“Esta decisión é un verdadeiro autogolpe urbanístico pero supón tamén unha chapuza que se vai traducir nunha colosal inseguridade xurídica”, advertiu o concelleiro e candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, que alertou de que esta resolución deixa baixo “risco de nulidade” todas as actuacións urbanísticas que se autoricen a partir dese momento.

Igrexas asegurou que a edil de Urbanismo carece de competencias para adoptar esta resolución que, segundo avisou o propio secretario xeral do Concello de Vigo, ten que ser sometida a acordo do Pleno municipal, ademais de contar co ditame da Xerencia Municipal de Urbanismo que non foi consultada.

O concelleiro do BNG considerou ademais que a resolución de Caride carece dunha “evidente” falla de motivación. “A vixencia do IOP está condicionada a cumprir de maneira escrupulosa cos prazos taxados para a aprobación provisional do novo Plan Xeral”, explicou, lembrando que o informe do máximo funcionario municipal, do 23 de xaneiro, xa sinalaba estas limitacións.

Desta forma, o edil do Bloque avisou de que vai decaer o IOP se non se produce a aprobación provisional do novo PXOM antes do 18 de maio, tal como advertiu tamén o secretario do Concello e a propia organización nacionalista. “Non se pode alegar como causa a emisión fóra de prazo dos informes da Xunta de Galiza para impoñer esta suspensión ilegal que sume máis que nunca o urbanismo vigués na inseguridade xurídica”, reprochou.

Evitar que Abel Caballero esconda o novo PXOM antes das eleccións

Dende a fronte nacionalista aseguraron que este recurso quere evitar que o Goberno de Abel Caballero continúe a “furtar” as competencias do Pleno municipal como máximo organismo da cidade, así como evitar que o PSOE siga avanzando nese “intento desesperado” para que a veciñanza descoñeza a realidade do novo PXOM antes das municipais do 28 de maio.

“Caballero ten moito interese en demorar a tramitación do novo Plan Xeral para que as viguesas e os vigueses non comproben como pasa o rodete rexeitando todas e cada unha das alegacións veciñais presentadas”, criticou Igrexas, que valorou o recurso do BNG como un acto de “responsabilidade” ante a “irresponsabilidade” do Goberno municipal.

O candidato nacionalista denunciou como o alcalde de Vigo quere “ocultar que o seu goberno vai impoñer pola forza un Plan Xeral que non responde ás necesidades da cidade e foi elaborado na escuridade dos despachos”

Nese sentido, cuestionou o proxecto de PXOM por insistir nun modelo urbanístico “fracasado que só beneficia os intereses especulativos”, que impón “infraestruturas innecesarias” como a PO-010 que vai tronzar o rural da cidade e que non quere resolver dous “problemas fundamentais” como a vivenda e a mobilidade.

“Estamos a tempo de evitar esta nova chapuza, de que o Goberno municipal dea marcha atrás, cumpra a lei e asegure que a tramitación do novo PXOM non acabe nunha nova anulación xudicial como a do Plan Xeral de 2008”, remachou.

O BNG de Vigo esixe anular a suspensión “ilegal” dos prazos do IOP por parte da concelleira de Urbanismo