O BNG de Vigo esixe a Caballero que anule definitivamente a talla de árbores na Falperra que foi paralizada grazas á mobilización veciñal

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, na protesta veciñal contra a talla de árbores na Falperra
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, na protesta veciñal contra a talla de árbores na Falperra

A fronte nacionalista demanda que se convoque unha xuntanza urxente do Consello Sectorial de Medio Ambiente do Concello para abordar a posta en marcha dun Plan de protección do arboredo na cidade

Xabier P. Igrexas:
“As viguesas e vigueses queren e merecen máis árbores e non menos, queren e merecen unha cidade máis naturalizada para que o verde lle gañe a batalla ao gris do cemento e o asfalto"

¬PROTESTA AMBULANCIAS 061: O BNG reitera o seu total apoio ás 260 traballadoras e traballadores de Ambulancias do Atlántico e esixe á Xunta o rescate da concesión

O BNG de Vigo esixe a Caballero que anule definitivamente a talla de árbores na Falperra que foi paralizada grazas á mobilización veciñal

O Bloque Nacionalista Galego vén de solicitar formalmente ao Goberno municipal de Vigo a anulación definitiva da talla de árbores prevista no talude da Falperra que foi paralizada esta mañá pola protesta da veciñanza.  Unha actuación que se engade ás tallas perpetradas recentemente na rúa Manuel Olivié ou Samil, ou á grave ameaza que paira sobre o bosque e humidal de Casaliños, en Navia, por causa do novo PXOM.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, achegouse esta mañá á concentración veciñal, promovida polo colectivo “Amigas das Árbores”, que impediu de maneira pacífica a talla de varios exemplares de grande porte na Falperra. “Que sexa a mobilización das veciñas e veciños quen paralice unha talla dá moi boa conta do amplísimo rexeitamento social que provoca a política arboricida do Goberno municipal de Abel Caballero”, expresou. 

Igrexas advertiu o rexedor de que “Vigo non soporta máis arboricidios que supoñen un suicidio ecolóxico, e as viguesas e vigueses reclaman o seu dereito a unha cidade verde, na que o arboredo urbano xoga un papel absolutamente esencial en termos de sustentabilidade”.

Con ese obxectivo, o BNG xa solicitou que a talla paralizada se anule de maneira definitiva. A fronte nacionalista demandou tamén a convocatoria urxente do Consello Sectorial de Medio Ambiente do Concello, para definir medidas concretas como a posta en marcha dun Plan de Protección do Arboredo, demandado desde hai anos polo BNG e organizacións de defensa ambiental.

“Non podemos seguir soportando tallas arbitrarias e sen motivo, que se pretenden xustificar con invocacións xenéricas a problemas de seguridade, pero que van en contra da normativa ambiental, a principiar pola propia ordenanza municipal de medio ambiente”, explicou. Tallas que son consecuencia tamén do incumprimento dos pregos da concesión do servizo de mantemento das zonas verdes da cidade.

Para Igrexas “hoxe a cidadanía deu un paso decisivo para deixar claro que as árbores non son postes, nin parte do mobiliario, e desde o BNG volvemos esixirlle ao alcalde leñador que garde dunha vez por todas a motoserra coa que está a destrozar os espazos verdes da cidade”

“As viguesa e vigueses queren e merecen máis árbores e non menos, queren e merecen unha cidade máis naturalizada para que o verde lle gañe a batalla ao gris do cemento e o asfalto”, remachou.

¬PROTESTA AMBULANCIAS 061

O portavoz municipal do BNG participou tamén esta mañá, canda a deputada no Parlamento galego, Carmela González, da concentración de protesta dos traballadores e traballadoras das ambulancias do 061, que na área de Vigo presta a empresa Ambulancias do Atlántico.

Igrexas expresou alí “o total apoio do BNG ás 260 traballadores e traballadoras dun servizo esencial para a atención sanitaria”. O plantel padece o impago de salarios e a empresa fica arestora sen dirección e sen ter garantido subministros esenciais para o funcionamento das ambulancias, como combustíbel ou osíxeno sanitario, por causa dos impagos a provedores.

Desde o BNG reiteran a necesidade urxente de que o Goberno galego actúe, motivo polo que a deputada e portavoz de Sanidade do Bloque no Parlamento galego, rexistrou unha batería de iniciativas urxindo o rescate da concesión. “É intolerábel que un servizo vital para a atención de emerxencias sanitarias e o transporte programado de pacientes estea en mans dun empresario pirata, que recibindo recursos públicos non paga nin ao seu persoal nin aos provedores”, esixiu.

Igrexas tamén defendeu que para alén da urxencia de “resolver a situación insostíbel que se está a vivir”, cómpre tamén atender a necesidade de mudar o modelo de xestión e corrixir a evidente insuficiencia da dotación de ambulancias do 061 na cidade. Neste sentido, lembrou que en Vigo só operan 6 ambulancias de soporte vital básico de día, 3 pola noite, e 1 de soporte vital avanzado reforzada, durante medio día, cunha dotada con enfermaría.

O BNG de Vigo esixe a Caballero que anule definitivamente a talla de árbores na Falperra que foi paralizada grazas á mobilización veciñal