O BNG de Vigo esixe a Caballero que non “bote á rúa sen alternativa” a dez sobreviventes do tráxico incendio de Afonso X

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, e a deputada, Alexandra Fernández, na concentración convocada polo colectivo "Os Ninguéns"
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, e a deputada, Alexandra Fernández, na concentración convocada polo colectivo "Os Ninguéns"

A fronte nacionalista demanda que se prorrogue o dispositivo social do Concello até poder ofrecer alternativas habitacionais dignas e estábeis ás persoas afectadas, en risco de exclusión social, evitando que a partir do vindeiro 2 de maio sexan desaloxadas dos hostais nos que se acollen desde outubro

Xabier P. Igrexas: “Falamos de persoas, de persoas de carne e oso, de veciños e veciñas de Vigo en situación de grave vulnerabilidade social, ás que o Goberno municipal pretende deixar na rúa a partir deste xoves, sen teito”,

A deputada, Alexandra Fernández, reclamará no Parlamento galego que a Xunta de Galiza actúe e denuncia a nefasta política de vivenda do goberno do Partido Popular

O BNG de Vigo esixe a Caballero que non “bote á rúa sen alternativa” a dez sobreviventes do tráxico incendio de Afonso X

O Bloque Nacionalista Galego vén de esixir ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, que non desaloxe a dez persoas sobreviventes do tráxico incendio da rúa Afonso X dos hostais nos que están acollidas desde o pasado mes de outubro. O Concello vén de comunicarlles que terán que abandonar ese aloxamento a partir do vindeiro xoves 2 de maio sen ofrecerlles ningunha alternativa habitacional. 

Unha decisión que para o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, é “un acto inhumano e cruel que supón, ademais, incumprir a promesa pública e privada trasladada reiteradamente pola concelleira de Benestar Social, Yolanda Aguiar, de que ninguén ía quedar na rúa”.

Igrexas participou esta mañá, canda a deputada do BNG no Parlamento galego, Alexandra Fernández, da concentración convocada polo Foro Socioeducativo “Os Ninguéns” para denunciar esta situación e urxir solucións por parte das administracións.

“Este drama é a punta do iceberg da realidade social da cidade, na que o gravísimo problema da vivenda provoca que cada día se produza en Vigo un desafiuzamento sen alternativa habitacional. Mais este caso é especialmente grave porque é o Concello de Vigo quen vai deixar sen teito a persoas en clara situación de vulnerabilidade e exclusión”, explicou Igrexas.

O nacionalista rexeita a a escusa do elevado custe do dispositivo social posto en marcha tralo incendio, tendo en conta que o Concello conta con máis de 200 millóns de euros de remanente e cun orzamento este 2024 que se aproxima aos 400 millóns. Tampouco acepta a xustificación da discusión sobre quen ten a competencia a nivel administrativo. “Falamos de persoas, de persoas de carne e oso, de veciños e veciñas de Vigo empobrecidas ás que o Goberno municipal pretende deixar na rúa a partir deste xoves, sen teito”, enfatizou.

Diante desta situación desde o BNG van demandarlle explicacións á concelleira de Benestar e esixirlle ao goberno de Caballero que de maneira inmediata prorrogue a estadía nos hostais destas persoas até lograr unha solución habitacional digna e estábel.

“O BNG temos reclamado de maneira reiterada a urxente necesidade de dotar Vigo dun parque de vivenda pública, na que se inclúan tamén vivendas para situacións de emerxencia habitacional. Mais vemos como o PSOE no Concello e o PP na Xunta de Galiza limítanse a tirar a pelota dun tellado a outro, e no medio dese pimpampum irresponsábel acaban xogando directamente coa vida de persoas empobrecidas”, criticou Igrexas.

Falla de resposta da Xunta

X

Para o BNG é claro tamén que a Xunta do Partido Popular non pode seguir ollando para outro lado diante da situación destas familias que sobreviviron a unha traxedia na que, para alén da morte dunha nai e de tres das súas crianzas, perderon a súa vivenda. 

Nese sentido, defenden como imprescindíbel unha emenda á totalidade da súa nefasta política de vivenda aplicada. Así o manifestou a deputada Alexandra Fernández demandando que “é hora de que a Xunta exerza como Goberno galego tamén na cidade de Vigo para dar resposta a problemas sociais tan graves coma este”. 

Fernández vai rexistrar unha batería de iniciativas no Parlamento galego para urxir unha resposta por parte da Xunta. “Non podemos seguir permitindo que nunha cidade na que hai máis de 22 mil vivendas baleiras, varios centos en mans de bancos privados rescatados con diñeiro público ou da propia SAREB, sigamos vendo cada semana como hai persoas que son empurradas á rúa”, lamentou.

A deputada nacionalista lembrou que na cidade de Vigo son máis de 6 mil as familias rexistradas como demandantes de vivenda protexida, 8 de cada 10 en modalidade de alugueiro, e que a Xunta do PP nos últimos 8 anos só puxo en marcha 22 vivendas en toda Galiza.

O BNG de Vigo esixe a Caballero que non “bote á rúa sen alternativa” a dez sobreviventes do tráxico incendio de Afonso X