O BNG denuncia novas mentiras de Caballero sobre Vitrasa: seguen os recortes no bus urbano 53 días despois da folga
A fronte nacionalista confirma que hai 71 frecuencias menos nos sábados e 83 frecuencias menos nos domingos, que afectan ás liñas 5, 7, 10, 12A, 16, 17, 24 e 29
Avanza unha ofensiva a nivel institucional e social pola remunicipalización do servizo de bus, unha vez finalice a última prórroga da concesión con Vitrasa en xuño de 2025
Xabier P. Igrexas: “O vindeiro ano temos unha oportunidade histórica para poder poñer en marcha un sistema de transporte público á altura da maior cidade de Galiza”
O Bloque Nacionalista Galego denuncia novas mentiras do Goberno de Abel Caballero sobre os recortes de frecuencias en Vitrasa, cando se cumpren 53 días do remate da folga indefinida. Así o desvelou este venres o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, quen confirmou que hai 71 frecuencias menos nos sábados e 83 frecuencias nos domingos, que afectan ás liñas de bus urbano número 5, 7, 10, 12A, 16, 17, 24 e 29.
“O Goberno municipal mentiu deliberadamente cando afirmou nunha resposta oficial, a inicios do mes pasado, que a día 1 de abril o servizo anterior á folga estaba restablecido”, afeou Igrexas, en relación ás declaracións realizadas polo concelleiro de Fomento, Javier Pardo, nas que recoñecía a unha interpelación do Bloque que o Concello non autorizara ningunha redución do servizo.
O portavoz nacionalista cualificou de “intolerábel” que, case 2 meses despois da fin da folga, a concesionaria non teña recuperado todas os horarios e frecuencias neste servizo esencial para millares de viguesas e vigueses. “Pero inda é máis intolerábel que o Goberno de Abel Caballero, como responsábel dun servizo de titularidade municipal, consinta estes recortes sen ningún tipo de consecuencias”, afeou.
Igrexas reiterou nese sentido a petición de que o Concello actúe, con todos os instrumentos legais ao seu dispor, para obrigar a Vitrasa a repoñer de maneira inmediata todos os servizos de luns a domingo, que castigan especialmente ao barrio de Teis coa “inxustificábel” redución do percorrido da liña 10.
Ofensiva pola remunicipalización do bus
Dende o BNG consideran que esta situación é un exemplo máis de como a xestión privatizada do servizo de bus urbano só beneficia á empresa concesionaria. “A única que gaña sempre é Vitrasa”, afirmou o portavoz municipal, quen avanzou as propostas nacionalistas para un cambio radical no modelo de transporte colectivo.
“O BNG anunciamos que imos promover unha ofensiva con iniciativas a nivel institucional e social en favor da remunicipalización do servizo”, defendeu Igrexas, quen demandou iniciar a constitución dunha empresa pública municipal de transporte que asuma o servizo unha vez finalice a última prórroga concesional con Vitrasa, o 7 de xuño do ano 2025, que que legalmente non vai poder ser alargada, tal e como acordou este venres a propia Xunta de Goberno Local.
Dende a fronte nacionalista consideran que este escenario abre “unha oportunidade histórica para poder poñer en marcha un sistema de transporte público á altura da maior cidade de Galiza”. Un modelo que, a xuízo do Bloque, ten que conectar e vertebrar o conxunto dos barrios e parroquias para ser unha verdadeira alternativa ao uso do coche particular. “Un transporte público baixo xestión pública en favor do interese xeral e non do lucro dunha grande empresa privada”, remachou o portavoz municipal.