O BNG de Vigo esixe a Caballero o cumprimento da ordenanza que impide pendurar adornos de nadal no arboredo
A fronte nacionalista solicita ao Concello e á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta que confirmen que o mercado de nadal da Alameda conta cos permisos necesarios para ser instalado nuns xardíns catalogados e con especial protección
Xabier P. Igrexas: “As árbores non son postes, son un elemento esencial do ecosistema urbano que deben ser protexidos como mandata a ordenanza de Medio Ambiente”
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo esixe ao goberno de Abel Caballero que cumpra a ordenanza municipal de Medio Ambiente que impide pendurar adornos e outros elementos decorativos do nadal no arboredo da cidade. A fronte nacionalista reclama que a celebración destas actividades non se volva traducir, como en anteriores anos, en agresións ambientais que vulneran as normativas e poñen en risco elementos patrimoniais que gozan de especial protección.
“O BNG trasladamos na última Comisión Informativa de Medio Ambiente do Concello a nosa esixencia para que garanta o estrito cumprimento e respecto da normativa”, subliñou o concelleiro e candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, de vez que lembrou que “as árbores non son postes, senón un elemento esencial do ecosistema urbano que deben ser protexidos como mandata a ordenanza municipal de Medio Ambiente”.
Igrexas demandou tamén ao Concello de Vigo e á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galiza que confirmen que o mercado de nadal que se está montando un ano máis na Alameda, o chamado Cíes Market, conta cos permisos e autorizacións necesarias para ser instalado nuns xardíns declarados como Ben de Interese Cultural e que, polo tanto, contan cunha protección integral.
Ademais, o edil nacionalista insistiu na necesidade de que se realice un “estrito control” para que estas actividades non supoñan un prexuízo para a convivencia e o dereito ao descanso, en particular das persoas que residen nos edificios lindeiros, e que foron motivo de protestas veciñais en edicións anteriores.
“O Goberno local ten que garantir que non se vai establecer unha lei da selva na que en favor do nadal de Caballero todo se pode facer”, advertiu o candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas
Desde o BNG aseguran que non se pode cuestionar o cumprimento destas normativas, malia as discrepancias das nacionalistas coa “obsesión de Abel Caballero por reducir a cidade a un gran parque temático do nadal” e de destinar “inxentes” cantidades de diñeiro público a esta finalidade.