O BNG de Vigo esixe a Caballero que deixe de “tomarlle o pelo” á veciñanza de Teis e faga realidade a biblioteca
A fronte nacionalista apoiou o acto de protesta organizado pola Asociación Veciñal de Teis e as ANPA do barrio para denunciaren 9 anos de promesas incumpridas
Xabier P. Igrexas: “As declaracións de Caballero sobre a futura biblioteca de Teis son un conto, todo fume. A día de hoxe o Goberno municipal non iniciou nin a licitación do proxecto”
O Bloque Nacionalista Galego volveu urxir dotar o barrio de Teis dunha biblioteca municipal. O concelleiro e candidato á Alcaldía do BNG, Xabier P. Igrexas, participou no acto simbólico de protesta organizado pola Asociación Veciñal de Teis e as ANPA do barrio para denunciaren 9 anos de promesas incumpridas por parte do Goberno municipal de Abel Caballero.
Igrexas, que acudiu acompañado da candidata número 2, Ana Martínez, reclamou a fin “da estafa continuada” que representan os 20 anuncios realizados polo actual alcalde nos últimos 9 anos a respeito da inminente apertura da biblioteca. “A veciñanza de Teis non merece un alcalde que insiste en tomarlle o pelo, con promesas, anuncios e infografías que só son propaganda oca”, reclamou lembrando que o PSOE vetou durante este mandato as emendas do BNG aos catro últimos orzamentos municipais para financiar e axilizar o proxecto.
O portavoz municipal nacionalista denunciou a deliberada inacción do Goberno municipal que a día de hoxe, tal e como se pode comprobar no Perfil do Contratante do Concello, inda non iniciou nin tan sequera a licitación do proxecto. “As declaracións de Caballero sobre a futura biblioteca de Teis son un conto, todo fume”, reprochou.
Bibliotecas en todos os barrios
No BNG lamentan que desde o ano 2011 cando se puxo en marcha, polo impulso da Concellaría de Cultura naquela altura dirixida polos nacionalistas, a biblioteca Neira Vilas no Calvario non se volveu crear ningunha outra. “Nestes case 12 anos o único que inaugurou Caballero son salas de lectura baleiras, nas que non hai libros para ler, nin persoal bibliotecario”, denunciou Igrexas.
Neste sentido, a número 2 da candidatura nacionalista, Ana Martínez, subliñou o “compromiso firme do BNG para dotar Vigo dunha rede municipal de bibliotecas públicas en todos os barrios e en todas as parroquias da nosa cidade”. Martínez, bibliotecaria de profesión, sinalou que os principais organismos internacionais sinalan a necesidade de dotar as cidades cunha biblioteca de barrio por cada 15 mil habitantes e contrapúxoo ao “disparate” de ter só unha para 300 mil.