O BNG de Vigo propón máis participación e diálogo fronte a política do “aquí mando yo” de Caballero
A fronte nacionalista volve levar ao Pleno municipal a demanda dun novo regulamento de Participación Cidadá, como xa fixera na primeira moción deste mandato, ante o agravamento das “prácticas antidemocráticas e os tics autoritarios”
Xabier P. Igrexas: "Democracia é moito máis que votar cada catro anos e facermos cidade é tarefa de todas e todos"
O Bloque Nacionalista Galego propón máis participación e diálogo fronte a política do “aquí mando yo” do actual alcalde, Abel Caballero. A fronte nacionalista levará ao derradeiro Pleno municipal a demanda dun novo regulamento de Participación Cidadá, como xa fixera na primeira moción deste mandato, ante as continuas “prácticas antidemocráticas e os tics autoritarios”.
“Nestes anos vimos como se agravou o maltrato e a discriminación por parte do Goberno municipal en contra de todas as asociacións e colectivos que se atreveron a discrepar ou visibilizar a través da denuncia pública as necesidades da cidade que están desatendidas”, denunciou o concelleiro e candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas.
O edil nacionalista asegurou que neste mandato quedou constatado “o mal que lle sentou á cidade esta maioría absoluta que se traduciu na imposición do 'aquí mando yo' do actual alcalde". Diante desta situación, o Bloque pedirá o apoio do Pleno para reprobar este xeito de gobernar e expresar o compromiso compartido para “abrir un tempo novo que respecte a pluralidade e diversidade” da cidade.
“A tarefa e o noso compromiso é devolverlle o Concello á cidadanía, poñendo fin a esta etapa gris e escura de autoritarismo”, apostou o candidato do BNG
“O BNG sabemos moi ben que as transformacións que fixeron medrar e avanzar Vigo sempre tiveron un denominador común: foron resultado do empurre popular, da forza da xente, da suma de vontades das viguesas e dos vigueses”, defendeu Igrexas, que lembrou que foi o impulso da fronte nacionalista a que dotou á cidade do primeiro regulamento de Participación Cidadá no ano 91. Propuxo así actualizar este mecanismo para “blindar o dereito das viguesas e vigueses a seren escoitados tamén cando pensan diferente”, creando espazos de participación e codecisión.
Novo Regulamento
Dende o BNG detallan na súa moción os principios para este novo regulamento de Participación Cidadá. Entre as medidas, chaman a “revitalizar” os consellos sectoriais municipais existentes e a crear novos naqueles ámbitos sen representación. “Os organismos consultivos do Concello pasaron de ser espazos ornamentais, sen ningunha capacidade, a estaren directamente desactivados e suspendidos”, lamentou Igrexas, que criticou que moitos deles non foron constituídos ou apenas celebraron unha xuntanza de trámite.
O concelleiro nacionalista asegurou que este mandato evidenciou “a continuada e deliberada xordeira” do goberno de Abel Caballero, cunha tramitación dos orzamentos municipais, das ordenanzas normativas ou de proxectos tan importantes como o novo PXOM “como se fosen decretos dun monarca absoluto”, negándose a recoller ningunha proposta nin das forzas da oposición nin dos colectivos sociais.
Fin da “mordaza” ao tecido asociativo
O candidato do BNG denunciou tamén as “abafantes presións e chantaxes políticas” contra o tecido asociativo de Vigo coas que o actual Goberno municipal tentou “amordazar a quen non se quixo pregar á mansedume nin ao aplauso obrigatorio”. Para rematar con estas prácticas, a fronte nacionalista esixe poñer en marcha un regulamento específico para a concesión de subvencións municipais e unha Comisión para fiscalizar a súa xestión.
As nacionalistas reclaman tamén unha elaboración participativa do orzamento municipal, maior descentralización dos servizos do Concello, aumentar os locais municipais para uso asociativo e crear Consellos Veciñais de Barrio e Parroquia para achegar a administración local a toda a veciñanza. “Democracia é moito máis que votar cada 4 anos, porque sen participación e sen dialogo non pode haber democracia”, afirmou Igrexas.
Participación no Pleno municipal
Na mesma liña, o Bloque demanda a reforma do Regulamento Orgánico do Pleno para facilitar a promoción de iniciativas populares e a intervención de asociacións e colectivos nas sesións plenarias, ademais de mellorar a representación da pluralidade política aumentando a posibilidade de presentar iniciativas. Criticou así a reforma realizada do Regulamento polo Goberno municipal para “estrangular” a capacidade política da oposición e da participación veciñal.
“Padecemos un profundo desprezo cara ao Pleno por parte do alcalde, que sistematicamente se ausenta das sesións aous poucos minutos de comezar e que procurou desde o primeiro momento degradar o máximo organismo de representación democrática da cidade”, reprochou o edil nacionalista. Afeou así que non se dera resposta “malia a obriga legal de facelo” a ningunha das 368 preguntas e interpelacións que o BNG formulou neste mandato ao Goberno municipal nas Comisións Informativas e no propio Pleno.