O BNG de Vigo esixe a Caballero que deixe de utilizar a publicidade institucional como “dopaxe partidista”

Xabier P. Igrexas, Portavoz municipal do BNG

A fronte nacionalista critica que se incluíse, novamente, unha fotografía do rexedor nun anuncio publicado en prensa este sábado coa escusa das bandeiras azuis

Propoñen a creación dunha ordenanza municipal de publicidade e patrocinios que impida a utilización de recursos públicos do Concello para o “autobombo” do alcalde 

Xabier P. Igrexas: “Xa abonda de culto á personalidade. Xa chega de tanta propaganda do emperador espido. Nin o Concello é o alcalde, nin Vigo é Abel Caballero. Este tipo de comportamentos é máis propio de réximes autoritarios que dunha democracia”

O BNG de Vigo esixe a Caballero que deixe de utilizar a publicidade institucional como “dopaxe partidista”
Anuncio publicado este sábado
Anuncio publicado este sábado

O Bloque Nacionalista Galego vén de reaccionar á publicación onte, sábado, dun anuncio a páxina completa nun xornal impreso da cidade no que, coa escusa da concesión de bandeiras azuis a diferentes areais da cidade, o elemento central era unha foto de Abel Caballero. Desde a fronte nacionalista esixen ao Alcalde que deixe de utilizar a publicidade institucional do Concello, financiada con diñeiro público, como “dopaxe partidista”.

Esta última publicación engádese a outros usos “descaradamente interesados” que, en opinión do BNG, fai o Goberno municipal de Vigo da publicidade institucional. Neste sentido, demandan a creación dunha ordenanza municipal de publicidade e patrocinios que transparente a xestión de diñeiro público e fixe criterios claros para evitar que a publicidade institucional se torne en “propaganda electoral permanente”. 

“Se Caballero necesita ver máis fotos súas na prensa local, porque debe parecerlle pouco o espazo que ocupa, que o pague el do seu peto ou que o faga o PSOE, pero o seu autobombo non pode ser a costa do diñeiro de todas as viguesas e vigueses”, esixiu o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas.

Tarjeta-pass-Vigo-1
Carta que acompaña a tarxeta Pass

Igrexas lembrou que xa teñen sido numerosos os casos nos que “de maneira obscena se utiliza a imaxe do alcalde para maior gloria do seu ego en anuncios e material publicitario pagados, directa ou indirectamente, polo Concello”. Entre outros, citou o feito de que a carta que acompaña o envío aos fogares das tarxetas Pass Vigo incorpore unha fotografía de “case medio folio” do alcalde e un texto asinado por el, en lugar de información sobre a tarxeta ou o servizo de bus urbano. Tamén aludiu ao uso frecuente de imaxes do rexedor nas páxinas publicitarias da Fundación Vigo Deporte, ou a súa inclusión en valados de grande formato anunciando o nadal de Vigo no metro de Madrid no ano 2019.

“Xa abonda de culto á personalidade. Xa chega de tanta propaganda do emperador espido. Nin o Concello é o alcalde, nin Vigo é Abel Caballero. Este tipo de comportamentos é máis propio de réximes autoritarios que dunha democracia”, reprochou Igrexas.

O BNG de Vigo esixe a Caballero que deixe de utilizar a publicidade institucional como “dopaxe partidista”