O BNG de Vigo esixe reforzar con máis medios a vixilancia dos montes e a prevención contra incendios

Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo

Urxe desenvolver o Anel Verde e despregar faixas de protección pasiva en colaboración coa Mancomunidade de Montes en Man Común

Xabier P. Igrexas: “Os montes son o verdadeiro pulmón verde de Vigo, abandonalos como fan a Xunta do PP e o Goberno municipal de Caballero é un suicidio ambiental”

O BNG de Vigo esixe reforzar con máis medios a vixilancia dos montes e a prevención contra incendios

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) esixiu hoxe ao Goberno municipal de Abel Caballero que mobilice todos os recursos necesarios, en cooperación coa Mancomunidade de Montes en Man Común, para reforzar a vixilancia e prevención de incendios nos montes periurbanos de Vigo, ante o risco elevado pola seca e as altas temperaturas. 

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, denunciou o “desleixo” do Concello e da Xunta, que non aprenderon da vaga incendiaria de 2017, e demandou a implementación inmediata do Anel Verde e un plan integral para protexer os montes como “pulmón verde” da cidade.

Máis medios

Os montes periurbanos, fundamentais para o equilibrio ambiental de Vigo, dependen do esforzo voluntario das comunidades de montes, que carecen de recursos suficientes. “Un ano máis están a ser as comunidades de montes e o traballo voluntario de comuneiras e comuneiros a primeira liña de protección do grande pulmón verde, con menos medios dos necesarios polo desleixo das administracións”, criticou Igrexas. 

O portavoz municipal nacionalista reclama que o Concello intensifique no inmediato as labores de vixilancia e prevención, poñendo a disposición todos os medios necesarios. “Desde o BNG demandamos que o Goberno municipal despregue todos os medios necesarios, en cooperación coa Mancomunidade de Montes, para intensificar e optimizar as labores de vixilancia e prevención diante do risco de incendios”, afirmou Igrexas. 

Ademais, esixe a implementación do Anel Verde, unha barreira forestal de 49,6 km anunciada en 2018 pero apenas desenvolvida en pequenos treitos grazas ao “inmenso esforzo” das propias comunidades de montes. O BNG critica que Abel Caballero rexeitase hai precisamente un ano a súa proposta de destinar 2,5 millóns para financiar este proxecto.

Política pública 

O BNG reclama unha política pública que priorice a protección e valorización dos montes, con faixas de protección pasiva e estratéxica, como demanda a Mancomunidade. “É imprescindíbel desenvolver as faixas de protección forestal, facendo que sexa realidade o mil veces anunciado Anel Verde”, subliñou Igrexas. 

A fronte nacionalista defende dotar as comunidades de montes de recursos suficientes, atendendo ao valor dos montes perirubanos como “infraestructura verde” e o retorno ambiental e social que xeran.

“Os montes son o verdadeiro pulmón verde de Vigo, abandonalos como fan a Xunta do PP e o Goberno municipal de Caballero é un suicidio ambiental”, concluíu.

O BNG de Vigo esixe reforzar con máis medios a vixilancia dos montes e a prevención contra incendios