O BNG demanda a Xunta e Concello a execución do ‘Anel Verde’ para protexer Vigo diante do risco de novos incendios
A fronte nacionalista denuncia que ambas as dúas administracións “non moveron un dedo” para facer realidade a faixa de protección forestal anunciada hai sete anos
Alexandra Fernández: “Os lumes de 2017 demostraron que a cidade de Vigo non estaba nin está preparada para afrontar grandes incendios”
Xabier P. Igrexas: “Os montes son o verdadeiro pulmón verde de Vigo, abandonalos como fai a Xunta do PP e o Goberno municipal de Abel Caballero é un suicidio ambiental”
O Bloque Nacionalista Galego vén de demandar a Xunta de Galiza e Concello de Vigo que cooperen para desenvolver o denominado “Anel Verde” que permita dotar a cidade dunha faixa de protección forestal diante do risco de novos incendios.
A deputada do BNG no Parlamento galego, Alexandra Fernández, rexistrou unha batería de iniciativas con ese obxectivo. Fernández lembra que os grandes incendios rexistrados en outubro de 2017, que fixeran chegar o lume a diferentes ámbitos habitados da cidade, demostraron que “a cidade de Vigo non estaba nin está preparada para afrontar grandes incendios”. Neste sentido, apuntou fallas tanto na prevención, por causa de presenza de especies forestais pirófitas, como tamén nos medios para controlar e extinguir incendios.
Desde o BNG denuncian que malia que as administracións dixeran ter tirado grandes leccións deses incendios e Concello e Xunta comprometeranse a impulsar o ‘Anel Verde’, a realidade é que 7 anos despois non fixero nada. “Coma sempre os grandes proxectos acaban reducidos a un teatro de reparto de culpas entre Xunta e Concello pero quen paga as consecuencias é a cidade”, denuncia Fernández.
A nacionalista levará esta cuestión ao Parlamento galego urxindo a Xunta de Galiza a actuar para facer realidade esta faixa de seguridade que permita alargar a protección tanto do medio ambiente, como da seguridade das persoas e as infraestruturas.
Apoio á Mancomunidade de Montes de Vigo
A fronte nacionalista trasladou o seu “total apoio” á Mancomunidade de Montes de Vigo, con cuxos representantes mantiveron un encontro a a deputada Alexandra Fernández e mais o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, no que puxeron en común a situación do proxecto.
A este respeito, Igrexas subliñou que “diante da inacción e o bloqueo institucional, tiveron que ser as propias comunidades de montes en man común, impulsadas e coordinadas desde a súa Mancomunidade de Vigo, as que fixeran realidade cos seus propios medios a execución de apenas 10 quilómetros de Anel Verde”.
O portavoz municipal nacionalista alerta de que o consenso científico sinala que as vagas de grandes incendios, como a decorrida no 2017, son cíclicas e que os lumes teñen memoria, polos efectos que xeran no terreo e na propia masa forestal, polo que urxe a efectivización de faixas de protección como o ‘Anel Verde’ nos montes perirubanos de Vigo. Mais iso esixe, apuntou, dunha cooperación efectiva tanto entre administracións, Xunta e Concello, como tamén coa Mancomunidade de Montes de Vigo.
Con esa finalidade Igrexas defendeu no Pleno municipal celebrado o pasado martes que se destinasen 2 millóns e medio de euros dos remanentes municipais para, precisamente, impulsar a execución do Anel Verde. No entanto, esta proposta foi vetada pola maioría absoluta do PSOE e non contou tampouco co apoio do grupo municipal do PP.
“Caballero prometeuno e anunciouno mil veces pero non moveu un dedo para facer realidade o Anel Verde que protexa os montes de Vigo nun novo exemplo da irresponsabilidade dun goberno local que só é amigo do cemento e do asfalto”, reprochou.
Aliás, desde a fronte nacionalista expresaron a súa coincidencia coa Mancomunidade de Montes en que esta actuación debe ser complementada con outras, como o despregamento dunha faixa de protección pasiva ou estratéxica nos propios montes, así como a posta en marcha dunha política pública que pule pola protección e valorización dos montes periurbanos atendendo o importante retorno ambiental e social que xeran como infraestrutura verde, dotando as comunidades de montes que son os seus principais titulares dos medios e recursos necesarios.
“Os montes son o verdadeiro pulmón verde de Vigo, abandonalos como fai a Xunta do PP e o Goberno municipal de Abel Caballero é un suicidio ambiental”, remachou Igrexas.