O BNG de Vigo esixe a retirada inmediata da campaña antiabortista dos mupi da cidade

20220124_111632
[Imaxe Feminismo Unitario de Vigo]

A fronte nacionalista rexeita a presenza desta campaña “reaccionaria e alentada pola dereita ultracatólica” que pretende lexitimar a coacción contra as mulleres.

Xabier P. Igrexas: “Este tipo de discursos machistas, reaccionarios e retrógrados non caben na maior cidade de Galiza”.

O BNG de Vigo esixe a retirada inmediata da campaña antiabortista dos mupi da cidade

O Bloque Nacionalista Galego vén de dirixirse formalmente ao Goberno municipal de Vigo a adoptar as medidas necesarias para promover a inmediata retirada da campaña antiabortista instalada en diferentes paneis e soportes publicitarios (mupi) da cidade.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, cualificou a campaña de “reaccionaria e alentada pola dereita ultracatólica” e expresou a súa rotunda oposición a mensaxes que propagan o machismo e que pretenden lexitimar “a coacción contra as mulleres que libremente exerzan o seu dereito á interrupción voluntaria do embarazo”.

Igrexas defendeu que “Vigo ten que configurarse como un territorio libre de todas as violencias machistas, tamén das que a través do discurso ou a propaganda pretenden recortar, perseguir ou limitar os dereitos das mulleres, como o dereito fundamental a dispoñeren do seu propio corpo”

“Vigo ten que situarse na vangarda e enviar unha mensaxe clara e contundente de que ese tipo de discursos machistas, reaccionarios e retrógrados non caben na maior cidade de Galiza”, reivindicou o portavoz municipal nacionalista.

No escrito, dirixido ao alcalde, a fronte nacionalista sinala que estes anuncios non poden ser admitidos de acordo ao que se estabelece no prego de condicións do vixente contrato municipal de instalación, conservación e explotación publicitaria en solo público do termo municipal de Vigo.
 

O BNG de Vigo esixe a retirada inmediata da campaña antiabortista dos mupi da cidade