O BNG defenderá no Pleno de Vigo un reforzo urxente da Atención Primaria ante o desmantelamento promovido pola Xunta
A fronte nacionalista presenta unha moción para que non volvan aplicarse restricións nos centros de saúde, incrementar o orzamento e o persoal e rematar coa precariedade laboral.
Xabier P. Igrexas: “A pandemia deixou en evidencia as carencias deste modelo sanitario tras máis dunha década de continuados recortes do goberno de Feixóo”.
O Bloque Nacionalista Galego esixe un reforzo urxente da Atención Primaria ante a situación límite que atravesan os centros de saúde da área sanitaria de Vigo. A fronte nacionalista defenderá no Pleno municipal, que se celebrará este mércores, unha batería de propostas que teñen como obxectivo fortalecer a rede sanitaria pública na cidade fronte ás “políticas deliberadas de desmantelamento” promovidas pola Xunta do PP.
“Esta moción vén precedida pola decisión irracional de restrinxir hai unhas semanas a atención en 14 centros de saúde da área, 7 deles en Vigo, que supuxo privar a millares de viguesas e vigueses de atención sanitaria, unha decisión imposta sen diálogo co propio persoal e que volveu verificar como o PP sitúa a nosa cidade na zona cero da desfeita sanitaria, como un banco de probas das súas políticas contra a sanidade pública”, subliñou en rolda de prensa o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas.
Desde o Bloque instaron á Xunta a que non volvan a aplicar restricións nos centros de saúde porque a Atención Primaria en Vigo xa está ao “bordo do colapso” e cun cadro de persoal “exhausto” ante a falta de medios técnicos e humanos. Unha realidade que, en opinión das nacionalistas, non pode xustificarse só polos efectos derivados da Covid-19. “En todo caso a pandemia agravou e deixou en evidencia as carencias deste modelo sanitario tras unha década de continuados recortes do goberno do PP, de Alberto Núñez Feixóo e Marta Fernández-Tapias”, asegurou o edil nacionalista.
“A solución non é dicirlle á poboación que non necesita médico nin tampouco a telemedicina, como vén de expresar o conselleiro de Sanidade”, criticou Igrexas.
Recortes que se reflicten nun descenso do orzamento para este 2022, con dous millóns de euros menos destinados á Atención Primaria. Desde 2009, advertiron desde o BNG, o recorte ascende a 47 millóns de euros que, actualizados coa evolución da inflación durante este período, incrementa até 277 millóns de euros os recursos recortados na sanidade pública. Por este motivo, as nacionalistas piden aumentar o orzamento sanitario até o 25% do presuposto total da Xunta de Galiza. “A solución non é dicirlle á poboación que non necesita médico nin tampouco a telemedicina, como vén de expresar o conselleiro de Sanidade”, criticou Igrexas.
Máis persoal e fin da precariedade
A fronte nacionalista reclama na súa moción un aumento significativo de persoal, ante a desaparición de centos de postos de traballo nos últimos anos e a previsión de que nos próximos catro anos se xubile o 15% do cadro médico actual sen garantías de relevo. Unha situación “tremendamente perigosa e preocupante” que ten sido denunciada de maneira reiterada por parte do persoal sanitario, organizacións sindicais e políticas como o BNG, mais tamén con masivos procesos mobilizadores “dos que o PP non quixo tomar nota”.
O BNG recolleu as demandas do persoal contra a precariedade e inestabilidade laboral no Sergas, que ten provocado entre outras eivas que só a metade das 400 persoas que remataron o MIR en medicina familiar e comunitaria nos últimos cinco anos traballen hoxe na Atención Primaria galega. “As condicións laborais actuais son inaceptábeis e non permiten fixar e garantir un correcto desempeño profesional”, explicou o concelleiro nacionalista.
Nesa liña, as nacionalistas chamaron a realizar no prazo máximo de seis meses un Plan de Ordenación de Recursos Humanos que permita coñecer a situación real e axustar as ratios para ofrecer unha asistencia de calidade. Ademais, propoñen a posta en marcha dun plan de retorno e captación de profesionais, ofertando contratos dignos e estábeis que eviten a actual fuga de persoal cara a sanidade privada ou o estranxeiro.
Cambio de modelo na Atención Primaria
Desde o Bloque criticaron a “resistencia” da Xunta a tomar medidas para reorganizar a Atención Primaria, diante do “fracaso” para atender as necesidades da poboación. As nacionalistas apostaron por un xiro do modelo actual. Entre as propostas, piden crear unha estrutura de xestión da Atención Primaria independente e incorporar á carteira de servizos novas especialidades, como persoal de psicoloxía, farmacia clínica, terapeutas ocupacionais, fisioterapeutas, logopedas, traballadoras sociais, podólogos ou nutricionistas, entre outros.
Igrexas puxo como exemplo o elevado número de consultas asociadas a doenzas mentais, por volta do 30%. Así, a incorporación de novas ramas profesionais permitiría ofrecer unha atención integral e desconxestionar as listas de espera. Para iso, demandaron tamén que as persoas doentes poidan pedir cita directamente para estas especialidades e facilitar o acceso a probas diagnósticas sen necesidade de pasar polo médico ou médica de cabeceira.
Novos centros de saúde en Vigo
“Vigo necesita un maior número de consultas de medicina, enfermería e outras especialidades sanitarias”, reclamou o concelleiro do BNG na cidade. Para iso, as nacionalistas demandaron a construción de novos centros de saúde que rebaixen a carga asistencial na Atención Primaria de Vigo. Unha petición que acompañaron dunha advertencia para que non se repitan os mesmos recortes que no último centro inaugurado en Bouzas, para o que esixen recuperar as 6 consultas previstas no proxecto inicial.
Aliás, desde o Bloque sinalaron que a saturación dos centros de saúde afecta de igual forma ao Punto de Atención Continuada (PAC) de Pizarro, polo que demandaron ampliar a rede con dous novos PAC en Teis e na contorna de Coia-Navia, que conten ademais con persoal especializado para a atención de urxencias pediátricas.