O BNG de Vigo esixirá que o Concello actúe fronte a vandalización de varias árbores no paseo de Canido
A fronte nacionalista dará traslado das demandas da veciñanza que levan semanas advertindo de accións en contra de varios exemplares, situados diante dunha nova urbanización
Critican o “moi deficiente control e mantemento” do arboredo da cidade e denuncian que o Goberno municipal inda non rectificou o “chapuceiro plan anual de poda que abre a a porta ao arboricidio”
Xabier P. Igrexas: “O Goberno municipal non pode seguir facendo a vista gorda mentres hai quen quere acabar con árbores de grande porte en Canido porque restan vistas a unha nova urbanización VIP”
O Bloque Nacionalista Galego vai esixir ao Goberno municipal de Vigo que actúe diante da vandalización denunciada en varias árbores situadas no paseo da praia de Canido.
A fronte nacionalista dará traslado das demandas da veciñanza de San Miguel de Oia que leva semanas advertindo de accións en contra de varios exemplares de “plataneiro”, situados diante dunha nova urbanización de vivendas e que, temen, só procuran a desaparición do arboredo para despexar as vistas.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, anunciou que levarán o asunto á Comisión Informativa de Parques e Xardíns, que se celebrará este luns 22 de xullo. “O Goberno municipal non pode seguir facendo a vista gorda mentres a veciñanza denuncia que hai quen quere acabar con árbores de grande porte en Canido porque restan vistas a unha nova urbanización VIP”, esixiu.
Igrexas imputou ao “moi deficiente control e mantemento” do arboredo da cidade que estas situacións se poidan producir e que só se teña coñecemento pola denuncia da veciñanza.
Neste sentido, lembrou que o Goberno municipal de Abel Caballero inda non rectificou o “chapuceiro” plan anual de poda que, tal e como denunciou o BNG semanas atrás, “abre a porta ao arboricido ao non incluír un estudo sobre as especies arbóreas da cidade, nin inspeccións dos diferentes exemplares, nin tampouco unha verdadeira planificación”.
“Xa abonda de tratar as árbores como mobiliario ou decorado, o Vigo máis verde que queren e merecen as viguesas e os vigueses pasa por máis e mellor arboredo”, remachou Igrexas.