O BNG reclama á Xunta que rectifique o “inxustificado” recorte dunha liña de infantil no CEIP Balaídos
A fronte nacionalista rexistra iniciativas no Parlamento galego e no Concello de Vigo para evitar a supresión dun curso en 4º de infantil, após manter un encontro coa comunidade educativa en pé contra esta decisión do Goberno do PP
Alexandra Fernández: “Vai ter graves consecuencias para este centro, coa saturación dunha aula de crianzas de 3 anos e recortando á metade o persoal docente e de apoio”
Xabier P. Igrexas: “A mesma Xunta que cada curso amplía os concertos coas empresas do ensino privado, atrévese a recortar unha liña educativa nun centro público”
O Bloque Nacionalista Galego esixe á Xunta de Galiza que rectifique o “inxustificado” recorte dunha das liñas de Educación Infantil no CEIP Balaídos de Vigo. A fronte nacionalista vén de rexistrar iniciativas no Parlamento galego e no Concello de Vigo para evitar a supresión dun dos dous cursos de 4º de infantil por considerar “arbitraria e precipitada esta decisión política” do Goberno galego do PP.
“É un novo ataque en contra do ensino público”. Así o manifestaron a deputada do BNG no Parlamento galego, Alexandra Fernández, e o portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, após manter un encontro coa comunidade educativa do centro, en pé nos últimos días contra este recorte. “Vai ter graves consecuencias, empeorando a calidade educativa coa saturación dunha aula de crianzas de 3 anos e recortando á metade o persoal docente e de apoio”, advertiron dende o Bloque.
Fernández e Igrexas criticaron que a Xunta utilice como “escusa” para perpetrar este recorte unha aplicación “mecánica” das ratios máximos de alumnado. Así, na actualidade hai 18 matrículas confirmadas sobre un máximo de 20 neste centro. “Esta decisión arbitraria non ten en conta que no CEIP Balaídos sempre se mantivo a dobre liña, sendo unha constante a incorporación de novo alumnado máis alá do período de matrícula, nin tampouco prevé a posibilidade de alumnado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo”, subliñaron a deputada e o portavoz nacionalistas.
Consolidar o recorte
Por estes motivos, Fernández anunciou iniciativas no Parlamento galego para reclamar á Xunta que recúe e escoite as demandas da dirección do centro e da ANPA. “Con este recorte condicionan ao CEIP Balaídos a non recibir novas matrículas e a consolidar o recorte desta segunda liña noutros niveis educativos no futuro”, lamentou, asegurando que o PP non ten en conta a realidade deste centro situado nun barrio moi poboado de Vigo.
Declaración institucional no Pleno de Vigo
A nivel municipal, o voceiro do Bloque en Vigo avanzou a proposta dunha declaración institucional para que o Pleno da cidade exprese de forma “rotunda” o seu rexeitamento a este recorte e fronte ás políticas do PP en contra do ensino público. “Hoxe mesmo interpelamos ao Goberno de Abel Caballero, na Comisión Informativa de Educación, para que actúe diante desta situación sen obtermos, infelizmente, ningunha resposta”, afirmou.
“O mesmo Goberno galego que cada curso non dubida en consolidar e ampliar os concertos coas empresas do ensino privado, atrévese a recortar unha liña educativa nun centro público”, remachou Igrexas.