O BNG de Vigo cualifica de “estafa piramidal” ao goberno de Caballero por deixar sen gastar 152 millóns en 2022
O concelleiro nacionalista, Xabier P. Igrexas, denuncia no Pleno que desde 2019 quedaron sen executar máis de 436 millóns, “o equivalente a ter o Concello pechado sen ningún servizo dous anos”
Reprocha o “talante autoritario” do alcalde por negar outra vez a palabra á veciñanza presente na sesión plenaria e acusala de ser ‘rebentadores da democracia’
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo denuncia que o goberno de Abel Caballero deixou sen gastar 152 millóns de euros do orzamento do ano 2022. Así o expresou no Pleno municipal celebrado este mércores o concelleiro e candidato nacionalista na cidade, Xabier P. Igrexas, que afeou que desde 2019 teñan deixado sen executar 436 millóns, contía que sería o “equivalente a ter o Concello pechado dous anos sen ningún servizo nin actividade”.
“Había un lema electoral dun tal Abel Caballero que dicía 'Falan os feitos', e o que din os feitos con esta liquidación xeral é que o seu goberno é unha estafa piramidal de grande escala”, criticou Igrexas, que acusou ao Goberno municipal do PSOE de “ser expertos en incumprir as súas promesas, anunciando unha e outra vez obras que nunca se fan”.
Neste sentido, o edil do BNG cuestionou que do capítulo de investimentos apenas se executara o 30% das partidas previstas nas contas municipais. De 29 humanizacións proxectadas para o pasado ano, en 9 non se gastou nin un só euro e en outras 13 actuacións non se chegou a executar nin a metade.
Xabier P. Igrexas: “Con estes datos é indiscutíbel que son un goberno de AliExpress”
Igrexas criticou ademais que nas partidas para persoal quedaran nove millóns de euros no caixón, cando hai 300 prazas de traballadoras e traballadores municipais sen adxudicar. “E con 4.200 empregos menos dos que había na nosa cidade antes da pandemia, executaron só 27 mil dos 1,2 millóns de euros do Plan Municipal de Emprego”, engadiu o edil nacionalista, o que se traduciu en “cero euros” do programa de primeira experiencia laboral para a mocidade e para o programa de inserción laboral para mulleres vítimas de violencia machista.
“Nunca un goberno tendo tanto fixo tan pouco”, remachou o concelleiro do Bloque, que lamentou que tamén en política social, e malia o agravamento “brutal” da crise en Vigo, o Concello deixara sen gastar case medio millón de euros das partidas de axudas sociais de emerxencia, destinadas ao pago de gastos en vivenda e alimentación.
“Talante autoritario” do alcalde
O candidato do BNG de Vigo reprochou tamén durante a sesión que o alcalde negara outra vez a palabra á veciñanza de diferentes colectivos, parte da plataforma ‘Vigo Somos Todxs’, presentes no Pleno para demandar unha reunión co rexedor. Caballero acusou aos veciños e veciñas de ser “rebentadores da democracia”, actitude que foi cuestionada por Igrexas. “O que rebenta a democracia é o seu talante autoritario, negándose sistematicamente a escoitar a quen non lle aplaude”, criticou o edil do Bloque, que lembrou ao rexedor que a participación en democracia é “imprescindíbel”.
#PlenoVigo
— BNG Vigo #VigoMáisAlá ✊🏼 (@bngvigo) February 22, 2023
Así actúa Abel Caballero cando a veciñanza de #VigoSomosTodxs abandona o Pleno após non ser escoitada polo alcalde, tentando negar incluso a intervención do noso concelleiro @contradiscurso pic.twitter.com/7TEet8lfTd