O BNG de Vigo busca o apoio do Pleno para rexeitar dous parques de eólica mariña a 40 quilómetros das Illas Cíes
A fronte nacionalista formulará unha moción na que insta aos Gobernos municipal, galego e español a retirar estes proxectos polos seus impactos ambientais, sociais e económicos
Xabier P. Igrexas: “A aposta do BNG é por un modelo sustentábel, non podemos permitir que se queira avanzar no espolio dos nosos recursos co pretexto das enerxías verdes en beneficio grandes corporacións”
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo buscará o apoio do Pleno municipal para rexeitar a instalación de dous parques de eólica mariña, Volanteiro e Celta II, a 40 quilómetros das Illas Cíes. A fronte nacionalista vén de presentar publicamente a moción que formulará na sesión plenaria, prevista para este mércores, para instar aos Gobernos municipal, galego e español a se opor a estes proxectos polos seus impactos ambientais, sociais e económicos.
“A posición do BNG é clara: o desenvolvemento da política enerxética ten que apostar na sustentabilidade e na racionalidade”, afirmou en rolda de prensa o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, lembrando que Galiza produce xa máis enerxía a través da renovábeis (18 mil xigawatios) que do total que consume (17 mil xgw), asi como que o noso País exporta arredor do 30% da electricidade que xera.
Neste sentido, alertou sobre o “boom eólico depredador” que ameaza agora as costas galegas. “Non podemos permitir que se queira seguir avanzando no espolio dos nosos recursos co pretexto das enerxías verdes en beneficio de grandes corporacións”, advertiu.
Así, a moción das nacionalistas demanda que o Concello de Vigo se opoña a instalación de parques de eólica mariña na costa galega, en particular aos proxectos en trámite no sur da provincia, Volanteiro e Celta II, promovidos polas empresas Ferrovial e Capital Energy que prevén instalar cada un 34 aeroxeradores de 510 MW. “O Goberno municipal ten que emprender todas as accións institucionais, administrativas e xurídicas que foren precisas”, asegurou Igrexas.
“Non abonda con recoller algúns reparos xenéricos sobre a afección na candidatura de Cíes Patrimonio da Humanidade, ten que haber unha ofensiva para frear estes parques”
Desde o BNG urxen ademais á Xunta de Galiza a que “non fique impasíbel ante esta nova tentativa de agresión”, trasladando ao Goberno español a reclamación para que retire estes proxectos polo seu impacto ambiental, social e económico. O edil nacionalista subliñou, nese sentido, as “graves” consecuencias sobre a pesca, que o propio sector está a denunciar, nos concellos da ría de Vigo e da costa do Baixo Miño.
“O Goberno español de PSOE e Unidas Podemos debe ter en conta o principio de precaución, as características diferenciadas da plataforma continental galega e a localización na mesma dos principais e máis ricos caladoiros de pesca”, explicou o candidato do BNG. Desde a fronte nacionalista cuestionan que o executivo estatal “incumpra” a moratoria recollida na disposición adicional terceira do Real Decreto-Lei 12/2021, que deixa en suspenso a admisión de novas solicitudes de reserva de zona e de autorización administrativa para estes proxectos.
O candidato do Bloque advertiu ademais do impacto que terían as liñas de evacuación que percorren o interior da ría de Vigo, que despregarán 45 quilómetros de cableado dos que a metade serán en terra e por tendido aéreo, a escasa distancia do parque das Illas Cíes e da zona de especial protección de aves, ademais do impacto visual, que minimizan os promotores asegurando que poderían ser un “incentivo” para o turismo.