O BNG de Vigo demanda expedientar Urbaser por continuos incumprimentos na limpeza de dependencias municipais
A fronte nacionalista denuncia que o Goberno de Abel Caballero consente que a concesionaria preste menos servizo do pagado e infrinxa as condicións co seu persoal
Xabier P. Igrexas: "Non podemos seguir a financiar a precariedade laboral e pagando por menos servizo, hai que poñer fin a actuacións de piratería empresarial como en Urbaser"
O Bloque Nacionalista Galego demanda abrir expediente sancionador contra Urbaser por “continuos e deliberados” incumprimentos no servizo de limpeza de dependencias municipais. A fronte nacionalista denuncia que o Goberno de Abel Caballero consente que a concesionaria preste menos servizo do pagado polo Concello de Vigo e tamén que infrinxa as condicións co seu persoal.
Así o afirmou este luns o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, tras manter unha xuntanza con representantes do Comité de Empresa do servizo. “Temos que esixirlle máis unha vez ao Goberno de Caballero que exerza as súas funcións de control e fiscalización na xestión das empresas privadas que prestan servizos municipais a cargo de diñeiro público”, esixiu.
Igrexas revelou que Urbaser non está a substituír as baixas laborais, as vacacións nin os permisos das súas traballadoras e traballadores, o que se traduce en que hai “menos persoal do necesario” para garantir a prestación do servizo de limpeza nas dependencias municipais, polos que o Concello transfire máis de 7 millóns de euros á empresa. “Pagamos Urbaser pola totalidade da concesión sen que se estean a executar as horas de limpeza contratadas”.
Nese sentido, advertiu de que a empresa négase a facilitar os rexistros de xornada ao Comité de Empresa e, nas poucas ocasións que tivo acceso aos mesmos, quedou constatado que “había apenas 40 fichaxes das 65 persoas recollidas no prego do servizo”. Incumprimentos que tamén afectan ao convenio colectivo, asinado despois dunha folga do persoal, no relativo á redución da xornada laboral.
"Non podemos seguir a financiar a precariedade laboral e pagando por menos servizo, hai que poñer fin a actuacións de piratería empresarial como as de Urbaser"
Sen o material necesario
O portavoz nacionalista acusou tamén á concesionaria de non entregar a roupa de traballo axeitada ao persoal nin contar co material de limpeza necesario nalgunhas das dependencias municipais. Tampouco, criticou Igrexas, co compromiso fixado na concesión de manter aberta en Vigo unha oficina para a xestión deste servizo. “Existe formalmente pero no mellor dos casos é atendida unicamente un día por semana porque o persoal asignado a ela trasládase para atender contratos doutros concellos”, remachou.