O BNG de Vigo esixe poñer fin ao “arboricidio permanente” após as tallas masivas na Florida e na contorna do Castro

A fronte nacionalista insiste en demandar un Plan de Protección do Arboredo Urbano e a actualización da Ordenanza municipal de Medio Ambiente
Xabier P. Igrexas: “Abel Caballero ten que cesar na súa política arboricida que é un suicidio en termos ambientais”
O Bloque Nacionalista Galego vén de esixirlle explicacións ao Goberno municipal de Vigo polas tallas masivas que se están a producir nos últimos días, tanto na avenida da Florida como tamén na contorna do Castro, coa retirada de exemplares sans e tamén podas masivas que mutilan o propio arboredo.
“O Goberno de Abel Caballero ten que cesar na súa política arboricida que é un suicidio en termos ambientais”, reclamou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.
Nese sentido, Igrexas volveu reclamar a necesidade de dotar Vigo dun Plan municipal de Protección do Arboredo Urbano e tamén de actualizar a “reiteradamente incumprida” Ordenanza municipal de Medio Ambiente.
“Temos que lembrarlle ao alcalde-leñador, que a Carta de Barcelona de 1995 na que se declaraba o dereito á arbore na cidade, xa sinalaba hai 30 anos que as árbores contribúen ao enraizamento da cultura no lugar e a mellora das condicións de habitabilidade no medio urbano”, argumentou.
Desde o BNG volven recalcar que “nin obras, nin motivos estéticos xustifican a talla e retirada de arboredo de gran porte” que, no mellor dos casos, é substituído por exemplares moito máis pequenos e de moitos menores beneficios ambientais.
“Xa abonda de tallas indiscriminadas e de podas descontroladas, o futuro de Vigo só pode ser verde”, defendeu o portavoz municipal nacionalista, que subliñou o “papel vital” do arboredo urbano para poder enfrontarmos a situación de emerxencia climática, que o propio Pleno declarou por unanimidade en 2019.