O BNG de Vigo esixe que Caballero dea a cara no Pleno pola demoledora sentenza de Guns N’ Roses
A fronte nacionalista reclama respostas do alcalde polas irregularidades e mentiras constatadas no fallo xudicial sobre a xestión do concerto e do frustrado patrocinio
Xabier P. Igrexas: “Abel Caballero non pode seguir fuxindo deste gravísimo escándalo”
O Bloque Nacionalista Galego esixe que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, dea a cara no Pleno extraordinario convocado este xoves en relación á demoledora sentenza do caso Guns N’ Roses. Así o reclamou horas antes do inicio da sesión o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, advertindo ao alcalde que as viguesas e vigueses merecen explicacións.
“O alcalde en primeira persoa, como máximo responsábel municipal, vai ter que dar as respostas que lle leva negando á cidade durante todos estes meses”, avanzou Igrexas sobre o Pleno promovido polos grupos da oposición ante o silencio do rexedor.
O portavoz municipal nacionalista considerou que as graves irregularidades e as mentiras que constata o fallo xudicial deben levar tamén a que o Goberno local asuma responsabilidades, entre elas o cese da concelleira de Contratación, Patricia Rodríguez, pola súa directa implicación na xestión do concerto.
Dende o Bloque lembraron que a sentenza do Xulgado Contencioso Administrativo evidenciou varios feitos de especial gravidade: o Goberno de Caballero convocou un falso concurso público para o patrocinio publicitario do evento, por importe de case 2 millóns de euros de diñeiro público e cunhas bases a medida, cando xa negociara previamente os termos coa promotora.
Afeou a este respecto as acusacións do voceiro socialista, Carlos López Font, asegurando que o BNG pide o pago destes recursos públicos. “Quen comprometeu 2 millóns de euros das viguesas e vigueses foi o Goberno de Abel Caballero, que non pode seguir fuxindo deste gravísimo escándalo malia os seus intentos de tapar este Pleno con outra sesión extraordinaria”, remachou Igrexas.

