O BNG de Vigo iniciará unha rolda de contactos co tecido asociativo e visitas aos barrios para abordar o novo PXOM

rop01

A fronte nacionalista critica a posición “contraditoria” do alcalde que expresou vontade a dialogar pero vetou as dúas emendas do Bloque que procuraban blindar a participación e a transparencia. 

Xabier P. Igrexas: “Imos escoitar a cidade para empurrar, sumando e tecendo consensos, un PXOM de todo Vigo e non só do embigo do Goberno de Abel Caballero”.

O BNG de Vigo iniciará unha rolda de contactos co tecido asociativo e visitas aos barrios para abordar o novo PXOM

O Bloque Nacionalista Galego iniciará unha “ampla e intensa” rolda de contactos co tecido asociativo así como visitas aos diferentes barrios e parroquias para abordar o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Vigo.

Así o anunciou esta mañá o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que explicou que con esta iniciativa a fronte nacionalista quere “contrastar coa cidade” a proposta de novo planeamento urbanístico elaborado, en solitario, polo Goberno municipal.

Igrexas cualificou de “contraditoria” a posición adoptada no Pleno de onte, no que se someteu a aprobación inicial do novo PXOM, por parte do Goberno municipal. “Escoitamos a Abel Caballero falar de permeabilidade, de disposición a considerar modificacións da súa proposta e de iniciar un ‘maior’ diálogo, pero poucos minutos despois o PSOE tombaba cos seus votos as emendas do BNG que precisamente querían blindar que a exposición pública sexa un proceso real de participación”, afeou.

O Bloque porá en marcha a partir da vindeira semana unha “ampla e intensa” rolda de contactos co tecido asociativo, os movementos sociais e os diferentes axentes que interveñen no proceso urbanístico, para “recoller a súa opinión, as súas propostas e coñecer de primeira man as necesidades da cidade real que o PXOM proposto ignora”. As xuntanzas co colectivos e as visitas aos barrios e parroquias realizaranse até a finalización do período de exposición pública do novo planeamento, prevista para o 20 de decembro.

O portavoz municipal nacionalista defendeu a necesidade desta interlocución directa fronte a “xordeira permanente” do Goberno, co obxectivo de “empurrar, sumando e tecendo consensos, un PXOM de todo Vigo e non só do embigo do Goberno de Abel Caballero”.
 

O BNG de Vigo iniciará unha rolda de contactos co tecido asociativo e visitas aos barrios para abordar o novo PXOM