O BNG de Vigo pide a comparecencia de Elena Espinosa polo caos no servizo de bombeiros

A fronte nacionalista reclama que a concelleira de Seguridade compareza na Comisión Informativa do Pleno convocada para este mércores. 

Xabier P. Igrexas: “O Goberno de Abel Caballero ten que dar a cara e responder das graves deficiencias que se están a producir no servizo de bombeiros e que provocan un evidente risco para a seguridade das viguesas e vigueses”

O BNG de Vigo pide a comparecencia de Elena Espinosa polo caos no servizo de bombeiros

O Bloque Nacionalista Galego vén de solicitar a comparecencia da concelleira Elena Espinosa, na Comisión Informativa de Seguridade, convocada para este mércores, para que dea explicacións en relación á situación de “caos” na que está sumido o servizo de bombeiros da cidade de Vigo.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, xustificou a necesidade desta comparecencia para que “o Goberno municipal de Abel Caballero dea a cara e responda das graves deficiencias que se están a producir no servizo de bombeiros e que provocan un evidente risco para a seguridade das viguesas e vigueses”.

O portavoz municipal nacionalista lembrou que no que vai de verán “foi unha constante o incumprimento do número mínimo de efectivos en activo para cada xornada” e que se sucederon os feches do parque de Coruxo provocando “unha evidente desprotección para a metadade do territorio da cidade”.

Igrexas solicitou a comparecencia da concelleira delegada de Seguridade non só para esixir “información veraz e transparente” sobre a situación real dos bombeiros senón, sobre todo, para demandar que o Goberno actúe “xa” para evitar que esta situación “de total e absoluto caos nun servizo de emerxencia” continúe.
 

O BNG de Vigo pide a comparecencia de Elena Espinosa polo caos no servizo de bombeiros