O BNG de Vigo insta o Goberno municipal a que esixa a Vitrasa o estrito cumprimento das súas obrigas salariais

_Xabier P. Igrexas: “Non podemos permitir que o persoal que traballa nun servizo de titularidade municipal, como o bus urbano, estea sen cobrar”

_A fronte nacionalista demandou explicacións ao alcalde para que aclare se o Concello ten algún pago pendente á Vitrasa, como alega a dirección da empresa.

_Piden que se a concesionaria non aboa a paga extra pendente se lle abra expediente sancionador por parte do Concello.

O BNG de Vigo insta o Goberno municipal a que esixa a Vitrasa o estrito cumprimento das súas obrigas salariais

O Bloque Nacionalista Galego demandou esta mañá ao alcalde de Vigo que aclare se o Concello ten pendente unha transferencia de 2 millóns de euros a Vitrasa, tal e como alegou  a dirección da concesionaria para xustificar que non vaia aboar ao seu persoal apaga extra de nadal nin garanta a percepción dos salarios do mes de decembro.

O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, dirixiu un escrito no que instaba a que se informase de se fica pendente algunha transferencia económica en favor de Vitrasa e a que, no caso de ser así, se dea instrución aos servizos municipais correspondentes para o seu libramento.

Sanción á concesionaria

No entanto, o portavoz municipal nacionalista, pediu ao alcalde que o Goberno municipal se dirixa de inmediato á dirección da empresa concesionaria, para esixir o estrito cumprimento das obrigas salariais co seu cadro de persoal. Un reclamo que Igrexas demanda que se faga ademais coa a advertencia expresa de que non facelo motivaría a apertura dun expediente sancionador contra a mesma, de acordo co previsto no prego concesional e na normativa vixente.

“Sería gravísimo que se confirmase que o Concello non paga, cando ademais fachendea de ser o máis rápido do Estado en pagar. Pero é absolutamente intolerábel que unha empresa como Vitrasa, que recolle zumentos lucros da concesión, ameace con non pagar salarios. Non podemos permitir que o persoal que traballa nun servizo de titularidade municipal, como o bus urbano, estea sen cobrar”, defende Igrexas.

O edil nacionalista está en estreito contacto co Comité de Empresa de Vitrasa desde a mañá de onte, para facer un puntual seguimento da situación e agarda que nas próximas horas se poña fin ao que cualificou de “disparate” e a empresa abone a paga extra pendente. “Se non o fai haberá que actuar con toda a contundencia contra a concesionaria”, advertiu.
 

O BNG de Vigo insta o Goberno municipal a que esixa a Vitrasa o estrito cumprimento das súas obrigas salariais