O BNG de Vigo leva ao Pleno o rexeitamento a impor peaxes nas autovías 

xpi01

Xabier P. Igrexas: “O que ten que facer o Goberno de Madrid é cumprir coa palabra dada con Galiza e poñer fin ao atraco das peaxes, non multiplicalas”.

Demandan tamén avanzar na supresión da peaxe da AG57, de titularidade da Xunta de Galiza. 

O BNG de Vigo leva ao Pleno o rexeitamento a impor peaxes nas autovías 

O Bloque Nacionalista Galego levará ao Pleno do Concello de Vigo, que se celebrará este mércores, unha moción para rexeitar a pretensión do Goberno español de impoñer peaxes nas autovías.  

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, presentou esta mañá, en rolda de prensa, a iniciativa coa que pretenden que o Pleno exprese unha mensaxe “clara e contundente” de rexeitamento dunha medida “inxusta socialmente e que producirá efectos moi negativos para o tecido económico e produtivo” e que é "especialmente lesiva para un territorio periférico como Galiza sen alternativas reais de mobilidade”. 

Igrexas advertiu de que impoñer peaxes nas autovías castigará especialmente as clases populares e traballadoras lembrando que estas estradas “xa están pagadas a través dos impostos”. Aliás, advirten dos efectos que pode ter no referido á seguridade viaria, xa que "impoñer barreiras económicas en autovías empurrará a moitas persoas a utilizar estradas convencionais moito menos seguras”.  

O portavoz municipal nacionalista denunciou o cinismo de envolver “dun afán ecolóxico e verde" esta medida. “Se o que se quere é promover unha mobilidade sustentábel o que hai que facer é despregar alternativas reais e non cobrar por facer uso das autovías", resumiu. Desde o Bloque denuncian o “défice histórico" do Estado con Galiza no que atinxe a infraestruturas e na mellora da rede ferroviaria. 

Máis peaxes 

Igrexas amosouse especialmente crítico con que o mesmo Goberno español que inda non aplicou as bonificacións das peaxes da AP9 nin a supresión da portaxe de Chapela agora pretenda impoñer o repagamento nas autovías. "O que ten que facer o Goberno de Madrid é cumprir coa palabra dada con Galiza e poñer fin ao atraco das peaxes, non multiplicalas”, esixiu. 

A fronte nacionalista reprocha que sexa un executivo “progresista” de PSOE e Unidas Podemos o que pretenda levar a termo o que xa pretendeu aplicar o Partido Popular, na etapa de Ana Pastor como ministra de Fomento. “É moi sorprendente e difícil de explicar que en 2021 o PSOE e Unidas Podemos queiran aplicar o programa do PP de 2012”, ironizou Pérez Igrexas. 

A moción do Bloque recolle unha proposta de acordo para “amosar a rotunda oposición do Concello de Vigo á intención do Goberno central de establecer peaxes nas autovías de titularidade estatal”, que cualifican de discriminatoria, antisocial e estritamente recadatoria. Ademais demandan tamén da Xunta de Galiza a rebaixa e supresión das peaxes existentes na actualidade na AG55 e a AG57. 
 

O BNG de Vigo leva ao Pleno o rexeitamento a impor peaxes nas autovías