O BNG de Vigo reclama a fin do "confinamento" do Arquivo Pacheco no 30 aniversario da súa adquisición polo Concello

1365072509pacheco

Xabier P. Igrexas: “O Arquivo Pacheco é a memoria visual de preto dun século da nosa Historia. A memoria é o soporte da nosa identidade, somos porque fomos, e o maltrato que padece o Arquivo lesiona esa identidade”

A fronte nacionalista denuncia a falla de conservación, a dixitalización incompleta e a non exhibición deste valioso fondo fotográfico.

O BNG de Vigo reclama a fin do "confinamento" do Arquivo Pacheco no 30 aniversario da súa adquisición polo Concello

 O Bloque Nacionalista Galego demandou hoxe, coincidindo co 30 aniversario da adquisición por parte do Concello de Vigo do Arquivo Pacheco a fin do "confinamento" deste valioso fondo fotográfico. A fronte nacionalista denuncia o reiterado incumprimento do convenio asinado en 1991 por parte da administración local e a precaria situación na que se mantén o Arquivo, almacenado na Casa das Artes en condicións inadecuadas de conservación, coa dixitalización por completar e sen ser accesíbel para o conxunto do público.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, salientou a "grande relevancia" do Arquivo Pacheco, integrado por entre 120 mil e 140 mil imaxes (entre fotografías, negativos e placas de cristal). "O Arquivo Pacheco é a memoria visual de preto dun século da nosa historia. A memoria é o soporte da nosa identidade, somos porque fomos, e o maltrato que padece o Arquivo lesiona esa identidade", denunciou.

Igrexas lamentou a continuada falla de compromiso por parte do Concello de Vigo en relación a estes fondos agás no período 2007-2011, no que a área de Cultura estivo baixo dirección do concelleiro nacionalista, Xesús López Carreira. "Incúmprense todos e cada un dos compromisos recollidos no convenio que permitiu que a cidade se fixese con este fondo fotográfico", critica.

O portavoz municipal nacionalista carga con dureza contra o "desleixo e desprezo" do actual Goberno local en relación ao Arquivo Pacheco, lembrando que de maneira reiterada rexeitaron as propostas e emendas orzamentarias formuladas polo BNG para dignificar a súa situación. "O que merece o Arquivo Pacheco é ser conservado, dixitalizado e sobre todo exhibido, para que todas as viguesas e vigueses, todas as galegas e galegos, poidamos coñecer este incomparábel testemuño gráfico da nosa historia", acrecenta.

Neste sentido, Igrexas volveu lamentar a decisión do Goberno de Abel Caballero de finiquitar o proxecto de Centro Galego de Fotografía, que debía albergar estes fondos, para dedicar o seu edificio a ser "despacho da presidenta da Deputación".

Desde o Bloque chaman a poñer fin á política "suicida" que, segundo apuntan, practica o Concello no ámbito cultural, e a reverter a situación inaceptábel na que se atopa o Arquivo Pacheco. "É só cuestión de vontade política. O Concello conta cos medios e cos recursos para facelo", sinalan.

O BNG de Vigo reclama a fin do "confinamento" do Arquivo Pacheco no 30 aniversario da súa adquisición polo Concello