O BNG de Vigo esixe aplicar medidas urxentes ante a crise de auga nos encoros

Encoro de Eiras nos últimos días (imaxe_Atlantico diario)
Encoro de Eiras nos últimos días (imaxe_Atlantico diario)

Alerta de que nos últimos 40 días Eiras reduciu a súa capacidade en 20 puntos porcentuais e da moi escasa previsión de choivas nas vindeiras semanas

Demanda que se aplique a suspensión temporal, pero con carácter total, dos regadíos de zonas axardinadas e do baldeo de rúas con auga da traída e que se apliquen medidas para conter os grandes consumos industriais

Xabier P. Igrexas: "É imprescindíbel actuar con urxencia para protexer un ben esencial como a auga"

O BNG de Vigo esixe aplicar medidas urxentes ante a crise de auga nos encoros
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal BNG Vigo

O Bloque Nacionalista Galego de Vigo demanda ao Goberno municipal, liderado por Abel Caballero, a adopción inmediata de medidas reforzadas ante a alarmante baixada do nivel de auga no encoros da cidade, especialmente no de Eiras que é principal fonte de subministro da cidade.

Actualmente, Eiras atópase a pouco máis do 60% da súa capacidade, 12 puntos por baixo da media do mesmo período en 2024 e no nivel máis baixo da última década. Esta situación, agravada polas previsións meteorolóxicas que só anticipan tres días de choivas escasas nas próximas dúas semanas, require para o BNG dunha resposta “anticipada e decidida” para garantir a continuidade do subministro de auga.

O portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, alertou de que as medidas anunciadas polo alcalde, o pasado 8 de agosto, “non son suficientes para evitar que un subministro esencial como é a auga poida verse ameazado”.

A este respeito sinalou que nos últimos 40 días, o encoro de Eiras perdeu case 20 puntos porcentuais da súa capacidade. Un descenso “moi preocupante” nun contexto no que a cidade xa recuperou o seu nivel habitual de actividade tras o verán, incrementando a demanda de auga.

Accións inmediatas para aforrar auga

Igrexas demandaque se apliquen medidas concretas para reducir o consumo de auga, como a suspensión temporal pero con alcance total do regadío de zonas axardinadas e do baldeo de rúas con auga da traída. Ademais, esixe accións específicas para conter os grandes consumos industriais, co obxectivo de preservar un recurso vital nun escenario de escaseza.

“É imprescindíbel actuar con urxencia para protexer un ben esencial como a auga”, afirmouIgrexas. Con ese obxectivo a fronte nacionalista tamén demanda a elaboración “agora” de plans de continxencia que garantan o acceso a auga potábel para toda a poboación no caso de que a seca se prolongue ou agrave, para asegurar unha resposta efectiva ante un posíbel empeoramento da situación.

Xestión sustentábel e auditoría da rede

Para alén do inmediato, o BNG insiste na necesidade dunha xestión “racional e sustentábel” da auga. Nese sentido, propón realizar unha auditoría integral da rede de subministro para identificar e reparar fugas en tubaxes obsoletas, que causan perdas significativas de auga. “A auga é un ben escaso que debemos xestionar con responsabilidade, facendo prevalecer o interese público”, subliñou o portavoz municipal nacionalista.

O BNG urxe ao Goberno municipal a poñer en marcha estas medidas, tanto inmediatas como estruturais, para protexer un recurso fundamental e garantir o subministro de auga nun contexto de crecente escaseza hídrica.

O BNG de Vigo esixe aplicar medidas urxentes ante a crise de auga nos encoros