O BNG de Vigo urxe actuacións diante das continuas avarías e roturas na rede de abastecemento de auga
A fronte nacionalista insta ao Goberno municipal a esixir da concesionaria un mantemento “real” que remate cos cortes de subministración e cos “graves” danos na vía pública
Xabier P. Igrexas: “O Concello ten que reclamar a Aqualia que cumpra as súas obrigas, garantindo o bo estado da rede e que as reparacións non sexan apenas parches”
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo demanda actuacións urxentes diante das continuas avarías e roturas que se rexistran na rede de abastecemento de auga. A fronte nacionalista vén de instar ao Goberno municipal a que esixa de Aqualia un mantemento “real”, ante os reiterados cortes de subministración e os “graves” danos na vía pública provocados pola “falla de xestión” da empresa concesionaria.
“Esta situación intolerábel, cun evidente prexuízo para a veciñanza, non pode sosterse”, asegurou o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que denunciou o estado de “abandono” que presentan numerosas rúas e camiños da cidade como na zona da Ceboleira, en Lavadores, ou no barrio de Teis, entre outros. “O BNG temos que volver demandar do Goberno municipal que actúe para facer que Aqualia cumpra coas súas obrigas”, sinalou a ese respecto.
O edil nacionalista reclamou para estas zonas “claramente identificadas” un plan de accións e reparacións urxentes que poña fin ás continuadas roturas e avarías.
O candidato do BNG advertiu de que non son suficientes os “parches” actuais da concesionaria, que en poucas semanas ou meses “deixan as vías públicas nun estado lamentábel e pasan a estar de novo inutilizábeis”
Igrexas puxo como exemplo o caso da rúa Milladas, onde o camiño presenta nun estado “intransitábel” despois de reiteradas incidencias na rede de abastecemento de auga. “Nestes momentos existe un evidente risco de afundimento co que iso supón para a seguranza tanto das persoas como dos propios vehículos”, alertou.
Así, insistiu na necesidade de que o Goberno municipal esixa que Aqualia “faga o que lle corresponde” garantindo o bo estado da rede de subministración de auga e que as reparacións non provoquen inda un maior estado de “abandono” das rúas e camiños da cidade.