CORONAVIRUS
O BNG de Vigo pide actuar xa diante do descontrol da pandemia na área sanitaria
Demandan a convocatoria dunha xuntanza urxente e ampliada aos voceiros de todas as forzas do Pleno do Comité Municipal de Seguimento da Covid19, para consensuar novas medidas.
Reiteran a proposta trasladada pola portavoz nacional, Ana Pontón, dun confinamento de 15 días con axudas directas aos sectores afectados.
Xabier P. Igrexas: “Non podemos seguir agardando máis tempo. Hai que actuar xa. Temos que priorizar a saúde e a vida das persoas por acima de todo”
VIGO, 22 de xaneiro de 2021.- Diante do descontrol da situación pandémica na área sanitaria de Vigo, onde xa se superaron os 3 mil casos activos (3153) e, singularmente, na cidade olívica cunha incidencia acumulada de 400, o Bloque Nacionalista Galego urxiu a actuar para despregar medidas adicionais que contribúan a frear a transmisión do coronavirus. A fronte nacionalista demandou ao alcalde a convocatoria dunha xuntanza urxente e ampliada do Comité Municipal de Seguimento da Covid19 e reitera a proposta, formulada pola portavoz nacional, Ana Pontón, de poñer en marcha un novo confinamento.
O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, advertiu de que a situación está descontrolada como reflicten os datos de evolución e o incremento da presión asistencial na cidade. Neste sentido, anunciou que se dirixirá hoxe ao alcalde para instalo a que convoque unha nova xuntanza do Comité de Seguimento Municipal pero aberto á participación dos voceiros de todas as forzas políticas con representación do Pleno. Igrexas subliñou que o Bloque leva desde o inicio da pandemia actuando desde unha total disposición á cooperación co Goberno local. "O que lle dicimos ao alcalde é que poña data, hora e lugar para esa xuntanza e alí estará o BNG para contribuír en positivo con ideas e propostas, para sumar esforzos e fortalecer a capacidade de resposta da cidade diante desta terceira vaga", afirmou.
Aliás, o portavoz municipal nacionalista defendeu a necesidade de que Xunta e Goberno español actúen para frear a situación "poñendo a saúde por diante". A este respeito reiterou a proposta, formulada desde hai varios días polo BNG a nivel galego, de que se poña en marcha un novo confinamento de 15 días acompañado de medidas efectivas e reais de axuda directa aos sectores que se poidan ver afectados por esta medida. "A primeira vaga da pandemia demostrou que cando a situación se descontrola como o está agora a única medida efectiva é un confinamento. É algo drástico e que vai ter impactos a nivel económico, pero é fundamental para protexer a saúde e a vida das persoas e evitar o colapso do sistema sanitario", explicou.
"Non podemos seguir agardando máis tempo. Hai que actuar xa. Temos que priorizar a saúde e a vida das persoas por acima de todo", remachou.