O BNG de Vigo critica o “veto sectario” do PSOE a unha declaración institucional polos 90 anos do golpe fascista

Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo

Acusa o grupo socialista de tombar a iniciativa, xunto co PP, para que o Pleno condene o golpe de 1936, recoñeza as vítimas e a resistencia antifranquista, comprometa a retirada da simboloxía da ditadura e a institucionalización do Día da Galiza Mártir na cidade

Afea que o PSOE non trasladara ningunha alternativa ou emenda na Xunta de Portavoces

Xabier P. Igrexas: “O Bloque seguiremos a defender que a memoria democrática e antifascista é hoxe máis necesaria do que nunca”

O BNG de Vigo critica o “veto sectario” do PSOE a unha declaración institucional polos 90 anos do golpe fascista

O Bloque Nacionalista Galego de Vigo critica o “veto sectario” do PSOE á súa proposta de declaración institucional polos 90 anos do golpe fascista. Acusa o grupo socialista de tombar a iniciativa xunto co PP, durante a Xunta de Portavoces celebrada este mércores, sen trasladar ningunha alternativa ou emenda malia a disposición da fronte nacionalista para lograr unha redacción de consenso.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, considerou este rexeitamento “unha demostración da falla de compromiso real coa memoria democrática” do Goberno de Abel Caballero, a quen afeou o seu “cinismo sen límites” por negarse a aprobar ningunha declaración institucional no Pleno cando se veñen de cumprir 90 anos do golpe militar de 1936 que deu paso a un “brutal xenocidio” e unha “cruel ditadura”.

Igrexas lamentou que o partido do alcalde de Vigo fusilado, Emilio Martínez Garrido, sexa “incapaz de actuar con coherencia, xenerosidade e altura de miras” nesta cuestión. “Só produce tristura”, afirmou, lembrando que esa defensa da democracia e contra o fascismo conta cun amplo apoio social en Vigo, entre eles numerosos votantes socialistas. “E resulta incomprensíbel tendo en conta o exemplo de resistencia heroica que protagonizou Vigo hai 90 anos e durante as catro décadas de ditadura”, subliñou.

A proposta de declaración institucional trasladada polo BNG chamaba a condenar o golpe de 1936, recoñecer as vítimas e a resistencia antifranquista, comprometer a retirada da simboloxía da ditadura –entre elas da Cruz dos Caídos do Castro inaugurada por Francisco Franco– e a institucionalización do Día da Galiza Mártir na cidade.

Memoria democrática fronte á ameaza reaccionaria

“Desde o BNG seguiremos a defender que a memoria democrática e antifascista é hoxe máis necesaria do que nunca”, salientou o portavoz municipal nacionalista, asegurando que “a verdade histórica é o mellor antídoto contra a ameaza reaccionaria que hoxe volve alentar o españolismo”. Unha reivindicación na que, afirmou, teñen cabida todos os e as demócratas, entre eles o propio PSOE malia as súas “contradicións e incoherencias”.

A respecto do voto en contra do PP, Igrexas valorou que “non sorprende a ninguén”. Lembrou a ese respecto que a organización política foi fundada por ministros do franquismo que participaron directamente da violencia represora do réxime. E afeou que a día de hoxe continúe sen condenar de maneira clara e rotunda o golpe e a propia ditadura, así como os seus pactos “desacomplexados coa ultradereita máis reaccionaria”.

O BNG de Vigo critica o “veto sectario” do PSOE a unha declaración institucional polos 90 anos do golpe fascista