O BNG de Vigo emenda as “becas Ayuso” de Caballero para libros de texto
A fronte nacionalista rexeita a contía única fixada polo Goberno municipal e demanda que se asignen de maneira progresiva en función dos ingresos para “axudar máis a quen máis o necesite”
Piden que se exclúan os fogares con ingresos por acima dos 3.780 euros mensuais (3 veces o SMI) e que se dediquen só ao alumnado matriculado en centros públicos
Xabier P. Igrexas afea o “populismo demagóxico e oportunista” do alcalde e defende que “calquera axuda social para ser xusta ten que ser progresiva, para atender a realidade socioeconómica das familias”
O Bloque Nacionalista Galego formalizou esta mañá a súa emenda parcial á proposta de modificación orzamentaria coa que o Goberno municipal de Vigo pretende mobilizar case 6 millóns de euros de remanentes para as axudas extraordinarias para libros de texto. Na mesma rexeitan a contía única e demandan que as axudas se asignen de maneira progresiva en función dos ingresos, pedindo que se exclúan os fogares con ingresos por acima do triplo SMI e que se dediquen só ao alumnado matriculado en centros educativos públicos.
Así o anunciou o Portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, que acusou o Goberno de Abel Caballero de seguir instalado no “populismo fiscal”. “Poucos días despois de rexeitaren as 63 emendas do BNG ás ordenanzas fiscais, coas que pretendíamos que a cidade avanzase cara a unha fiscalidade municipal socialmente xusta na que quen menos ten pague menos, agora Caballero insiste en volver importar o ‘cheque Ayuso’ para libros de texto”, explicou.
Igrexas defendeu que “calquera axuda social para ser xusta ten que ser progresiva, para atender a realidade socioeconómica das familias”. É por iso que na emenda nacionalista demandan que as bases exclúan os fogares de máis recursos, fixando o limiar máximo en ingresos por acima do triplo do Salario Mínimo Interprofesional (3.780 euros brutos mensuais). Por contra, propoñen que a distribución das axudas non sexa “lineal e cunha única contía para todas e todos [205 euros o ano pasado]” senón que se faga a través de baremos de carácter progresivo que atendendo os ingresos das familias “aumente os importes para aquelas que o necesitan máis”.
Populismo, demagoxia e oportunismo
“Con esta emenda o BNG o que queremos é corrixir esa perspectiva populista, demagóxica e claramente oportunista, co que Caballero se saca da manga este cheque de café para todos mentes continúa sen resolver as axudas municipais para comedor escolar, libros e material escolar”, remachou o portavoz municipal nacionalista.
A proposta do Goberno e a emenda das nacionalistas terán de ser ditaminadas nos vindeiros días na Comisión Informativa de Orzamentos e Facenda antes do seu debate e votación nun Pleno extraordinario.