O BNG de Vigo pide ao Goberno municipal máis recursos para combater a violencia machista e apoiar as vítimas
A fronte nacionalista reitera a necesidade de elevar o orzamento dedicado a campañas contra a viooencia machista, e a poñer en marcha un novo programa de apoio ás vítimas dotado con como mínimo 300 mil euros.
Xabier P. Igrexas: “O Goberno de Abel Caballero vai dedicar a campañas de sensibilización, denuncia e concienciación contra a violencia machista o equivalente ao 4% do que vai gastar en atencións protocolarias”
O Bloque Nacionalista Galego demandou que o Concello de Vigo atenda o clamor do movemento feminista que esixe “menos discursos e máis recursos” para combater a violencia machista.
O concelleiro do BNG, Xabier P. Igrexas, criticou que o Goberno local recortase a partida orzamentaria destinada a campañas contra a violencia machista, pasando de 13 mil no exercicio 2020 a apenas 3 mil euros no presente 2021. “Con este recorte inxustificábel, o Goberno de Abel Caballero vai dedicar a campañas de sensibilización, denuncia e concienciación contra a violencia machista o equivalente ao 4% do que vai gastar en atencións protocolarias”, afeou Igrexas.
O portavoz municipal nacionalista defende ademais a necesidade de brindar un maior apoio real “non só retórico” ás mulleres vítimas de violencia machista. Neste sentido, lamentou que durante todo o exercicio 2020 o Concello de Vigo non executase “nin un só euro” do programa de inserción laboral para este colectivo.
O BNG chama a despregar “políticas feministas efectivas”, reiterando propostas que foron rexeitadas pola maioría absoluta do PSOE no Pleno, como elevar até 150 mil euros a partida para despregar “ambiciosas e intensas campañas de sensbilización para combater a violencia machista desde a súa raíz”. Tamén apostan por poñer en marcha un novo programa municipal de apoio ás vítimas dotado, como , de 300 mil euros.
“Hai que pasar das palabras aos feitos. Das declaracións ás decisións. Non abonda con envolverse na cor lilá e declararse feminista. Hai que facer políticas concretas radicalmente feministas para axudar a acabar dunha vez por todas coas violencias machistas”, urxiu Igrexas