O BNG de Vigo pide a apertura de expediente contra Urbaser polos graves incumprimentos do prego no servizo de limpeza de dependencias municipais
A empresa concesionaria presta un 15% menos de horas de servizo das recollidas no prego de concesión.
Xabier P. Igrexas: “Permitir que unha empresa preste menos servizo do que ten contratado e polo que percibe diñeiro público é tanto como consentir que se lle roube á cidade”.
O Bloque Nacionalista Galego solicitará ao Goberno municipal de Vigo a apertura dun expediente sancionador contra Urbaser por graves incumprimentos no servizo de limpeza de dependencias municipais. Denuncian que, segundo lles trasladou o Comité de Empresa, a concesionaria presta un 15% menos das horas mínimas de servizo.
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, mantivo esta mañá unha xuntanza co Comité de Empresa do servizo de limpeza de dependencias municipais, que atinxe un cadro de persoal de 61 persoas e que foi adxudicado en 2019 por preto de 7 millóns de euros.
A representación sindical trasladou que se están a producir graves incumprimentos do prego concesional. Entre eles salienta o feito de que non se están a executar as horas mínimas de servizo. “Estanse facendo 300 horas semanais menos das contratadas. O que supón un 15% menos das 1914 horas recollidas no prego, o que equivaldría a 9 postos de traballo a xornada completa”, denunciou Igrexas.
“Permitir que unha empresa preste menos servizo do que ten contratado e polo que percibe diñeiro público é tanto como consentir que se lle roube á cidade”, reprochou o portavoz municipal nacionalista.
Outras das cuestións denunciadas polo persoal é que non se están relevando as baixas e cesamentos, mesmo en casos de xubilación ou falecemento, que se traslada de maneira reiterada a traballadoras e traballadores dun centro de traballo a outro para “trampear” a falla de persoal, e que non se están a aplicar os necesarios incrementos de xornada.
Todos estes feitos teñen sido trasladados de maneira reiterada por parte do Comité ao Goberno municipal sen teren recibido resposta polo momento. “O Goberno municipal de Abel Caballero non pode seguir facendo a vista gorda e consentindo que empresas que xestionan servizos públicos e que reciben millóns de euros de diñeiro de todas e todos, non cumpran os contratos e non respeiten as condicións laborais do seu persoal”, remachou Igrexas.
O BNG solicitará formalmente que se abra expediente sancionador contra Urbaser e reclaman que o Goberno municipal actúe de maneira inmediata para esixir que a empresa cumpra o prego e garanta os dereitos laborais e o respeito ao convenio colectivo.