O BNG de Vigo pide a Caballero que se desculpe en nome do PSOE pola nefasta xestión da entidade local menor de Bembrive
A fronte nacionalista considera “insuficiente e insultante” que o rexedor e máximo referente do PSOE vigués se limitase a expresar “respeito” pola condena xudicial a máis de 2 anos de prisión contra o exalcalde pedáneo, Roberto Ballesteros.
Xabier P. Igrexas: “Abel Caballero non pode facer como que non coñece de nada a Ballesteros”.
NAVIA¬ O Bloque afea que o Goberno municipal recoñeza non ter feito ningunha xestión en un ano e dous meses para desbloquear a construción do novo instituto de Navia. "Uns por outros e Navia sen instituto".
O Bloque Nacionalista Galego instou o alcalde de Vigo, Abel Caballero, a desculparse coa veciñanza de Bembrive e do conxunto da cidade, após o último fallo xudicial que condena a máis de 2 anos de prisión e 7 de inhabilitación ao anterior pedáneo da entidade local menor, Roberto Ballesteros, por delitos de falsidade, malversación e prevaricación.
Para o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, as declaracións de Caballero nas que se limitaba a "respeitar” a sentenza xudicial son “insuficientes e insultantes”. “O que demandamos do alcalde e máximo referente do PSOE na cidade é que, como mínimo, exprese unha sincera desculpa á veciñanza de Bembrive e do conxunto da cidade, e un compromiso real para depurar responsabilidades políticas que eviten que isto volva suceder”, reclamou.
Igrexas lembra que a entidade local menor de Bembrive recibe cada ano unha transferencia de 285 mil euros do Concello de Vigo. “Falamos de diñeiro de todas as viguesas e vigueses, que debera ir destinado a atender as necesidades de Bembrive e que acaba utilizándose nunha xestión corrupta”, advertiu.
O portavoz municipal nacionalista sostén que “Abel Caballero non pode facer como que non coñece de nada a Ballesteros, cando todo o mundo sabe que as decisións sobre o PSOE de Bembrive as tomaba e toma el”.
Quebra e parálise
Desde o Bloque denuncian que “para alén da dimensión xurídica e das consecuencias penais das accións de Roberto Ballesteros a nefasta xestión do PSOE colocou a entidade local menor nunha situación limite, ao borde da quebra". Neste sentido, apuntan que durante a etapa de Ballesteros como alcalde pedáneo “dilapidáronse preto de 15 millóns de euros”, consumindo todos os recursos de tesourería. Unha situación que continúa a padecerse na actualidade, tal e como reflicte a decisión da Xunta Veciñal da entidade local menor do pasado mes de febreiro para autorizar o pago dunha factura de 550 mil euros, pendente desa etapa.
“Nestas condicións está seriamente comprometido o futuro da entidade local menor e o que é máis importante, non hai capacidade para que se atendan as necesidades reais da parroquia”, advirte Pérez Igrexas.
¬Polémica sobre o instituto de Navia
O edil nacionalista tamén retrucou as declaracións públicas realizadas por Abel Caballero esta mañá, após a súa interpelación no Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo sobre a situación na que se atopa o proceso para a cesión dos terreos para a construción do novo instituto de Navia e a formalización do convenio coa Xunta.
Igrexas asegurou que non vai entrar “a rebater os ‘desvaríos' de Caballero que cada vez que se pon en evidencia a súa falla de xestión ataca de maneira disparatada e sen ningún argumento o BNG".
“É moi triste que o Goberno municipal recoñeza que non fixo ningunha xestión en un ano e dous meses para axilizar a posta en marcha do instituto de Navia, máis alá de enviar un protocolo de colaboración en febreiro de 2020 que a Xunta non contestou”, valorou.
O nacionalista chamou o rexedor a gastar menos enerxía en "soflamas verbais contra o Bloque" e a dedicar máis esforzos reais para desbloquear unha dotación imprescindíbel para Navia”. “Mentres Caballero sigue xogando ao ‘canto peor, mellor’ o alunado de Navia ten que seguir facendo dez quilómetros en bus para ir ao instituto”, acrecentou.
“Uns por outros e Navia sen instituto”, resumiu o portavoz do Bloque en Vigo, que volveu demandar a Concello e Xunta que cooperen para faceren realidade, canto antes, o novo centro educativo.
Igrexas lembrou que o BNG xa presentou, de maneira reiterada, iniciativas e interpelacións no Parlamento de Galiza, para esixirlle á Xunta do Partido Popular a posta en marcha do instituto de Navia.