O BNG de Vigo pide deixar fóra da Zona de Grande Afluencia Turística os centros e grandes áreas comerciais da cidade
A fronte nacionalista demanda que a definición da ZGAT, obrigatoria legalmente, sexa o “máis restrinxida e limitada” e que se consensúe coas organizacións sindicais.
Consideran un bo punto de partida a proposta unitaria feita en 2016 por CIG, CCOO e UGT para limitar a zona ao Casco Vello, deixando fóra o ámbito da Laxe.
Xabier P. Igrexas: “O que menos precisa o pequeno comercio, que é o que xera postos de traballo e vertebra economicamente a cidade, é que se lle dea barra libre horaria a grandes centros comerciais”
O Bloque Nacionalista Galego vén de demandar que a definición de Zona de Grande Afluencia Turística na cidade sexa o “máis restrinxida e limitada”, se consensúe coas organizacións sindicais e non inclúa ningún centro ou grande área comercial da cidade.
Diante da obriga legal para que o Concello de Vigo defina unha ZGAT nos vindeiros meses, após superar as 600 mil visitas turísticas o pasado ano, a fronte nacionalista avoga por unha aplicación “restrinxida e limitada que evite abrir barra libre da liberalización comercial”. A ZGAT supón estabelecer a total liberdade de horarios comerciais no seu ámbito.
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, fixo un chamamento ao Goberno municipal a elaborar unha proposta consensuada con organizacións de consumidoras e consumidoras e tamén cos sindicatos.
Para Igrexas a proposta trasladada de maneira unitaria no ano 2016 por CIG, CCOO e UGT é “un moi bo punto de partida”. Daquela as tres principais centrais sindicais propuxeran limitar a ZGAT ao Casco Vello. Concretamente definían como zona a área interior do perímetro que describen as confluencias das rúas Cánovas del Castillo, Carral, Porta do Sol, Elduayen, Perigos, Anguía e Real.
“O BNG opuxémonos desde un principio á liberalización horaria, xa que só beneficia ás grandes áreas e franquicias de conglomerados transnacionais, prexudica ao pequeno comercio e xera desemprego e precariedade” lembra Igrexas, salientando que o BNG votou en contra no Congreso da convalidación do Real decreto lei 8/2014, de 4 de xullo, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia, promovido polo Goberno de Raxoi, no que se recolle a obrigatoriedade de fixar unha ZGAT cando se superen as 600.000 visitas turísticas. “O que menos precisa o pequeno comercio, que é o que xera postos de traballo e vertebra economicamente a cidade, é que se lle dea barra libre horaria a grandes centros comerciais”, defendeu.
Neste sentido, o portavoz municipal nacionalista aposta porque a ZGAT que se defina “non inclúa a ningún centro ou grande área comercial da cidade”, xa que esa medida sería letal para o tecido do pequeno e mediano comercio da cidade que vertebra os barrios e parroquias. “Temos que evitar que esta fórmula imposta polo PP acabe por ser unha porta traseira na que colar o horario libre para os grandes centros comerciais”, remacha Igrexas.