O BNG denuncia que o Concello de Vigo deixou sen gastar 365 mil euros en axudas sociais no 2021
A fronte nacionalista reclama un maior compromiso do Goberno local, mobilizando todos os recursos municipais necesarios para enfrontrar a grave situación de emerxencia social.
Xabier P. Igrexas: “Vemos moitos anuncios e grandes titulares, pero as cifras evidencian un compromiso raquítico e insuficiente para protexer ás viguesas e vigueses máis vulnerábeis ou que atravesan dificultades sociais”.
O Bloque Nacionalista Galego denuncia que o Concello de Vigo deixou sen executar 365 mil euros das partidas destinadas a axudas sociais no ano 2021. A fronte nacionalista reclama que o Goberno municipal xustifique o motivo de ter aforrado en materia de política social cando a cidade atravesa unha situación de grave emerxencia social, con 22 mil persoas no desemprego, preto de 60 mil en risco de exclusión social e pobreza, segundo o índice Arope, e con máis da metade dos fogares vigueses atravesando moitas dificultades para chegar a fin de mes.
“Non atopamos ningunha explicación para que o Goberno municipal teña deixado de gastar 365 mil euros en partidas para axudas de emerxencia, de vivenda ou alimentación, cando millares de viguesas e vigueses teñen que acudir cada día a comedores sociais ou facer colas da fame en organizacións asistenciais”, criticou o concelleiro nacionalista en Vigo, Xabier P. Igrexas. “Este nivel de inexecución nas partidas de política social poñen en entredito ese cacarexado compromiso social do goberno de Abel Caballero”, engadiu.
Parapeto social
Desde o BNG voltaron a insistir na necesidade de que o Concello de Vigo “que conta cun orzamento millonario” mobilice todos os recursos necesarios para se configurar nun “verdadeiro parapeto social” diante do crecemento exponencial do empobrecemento na cidade.
“Vemos moitos anuncios e grandes titulares, pero as cifras evidencian un compromiso raquítico e insuficiente para protexer ás viguesas e vigueses máis vulnerábeis ou que atravesan dificultades sociais”, lamentou Igrexas.