O BNG de Vigo pide destinar ao seu ‘Plan CIDADE’ para atender os barrios e parroquias o mesmo que ao HALO
A fronte nacionalista emenda a modificación orzamentaria coa que o Goberno municipal quere engadir outros 2 millóns de euros ao HALO e demanda mobilizar o equivalente ao que se vai destinar ao ascensor este ano, 10 millóns de euros, para dedicalo a investimentos en todos os barrios e parroquias
Xabier P. Igrexas: “Sen entrarmos a cuestionar o alcance, e sobre todo o inmenso custo, do ascensor de ‘Star Trek’ no que está empeñado Abel Caballero, o BNG si que entendemos que hai que despregar polo menos o mesmo esforzo en atender as necesidades da veciñanza en todos os barrios e parroquias”
¬MINUTO DE SILENCIO POR MURCIA: O Grupo Municipal do BNG participou pero vai trasladar a súa queixa formal ao alcalde polo “sectarismo indecente” co que foi convocado a través dun correo electrónico con apenas 31 minutos de antelación
O Bloque Nacionalista Galego vén de formular unha emenda á proposta de modificación orzamentaria coa que o Goberno municipal de Vigo pretende destinar 2 millóns de euros máis ao ascensor HALO.
O Portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, subliñou que o investimento do HALO xa duplicou o seu custo inicial, estimado no 2021 en 7,2 millóns até situarse, agora, nos 15,8 millóns, “nunha tendencia que nos fai vaticinar que pode acabar rondando finalmente un total de 20 millóns de euros.
“É claro, para o Bloque Nacionalista Galego, que cando hai vontade e interese por parte do Goberno municipal mobílizanse todos os recursos necesarios e máis. E sen entrar a cuestionar o alcance, e sobre todo o inmenso custo, do ascensor de ‘Star Trek’ no que está empeñado Abel Caballero, o BNG si que entendemos que hai que despregar polo menos o mesmo esforzo en atender as necesidades da veciñanza en todos os barrios e parroquias”, explica.
A emenda das nacionalistas demanda que se destine “exactamente a mesma contía que se quere gastar este 2023 no HALO, un total de 10 millóns de euros” como primeira anualidade para poñer en marcha o PLAN CIDADE que propuxeron no último Pleno, isto é: un plan extraordinario e plurianual de investimentos en todos os barrios e parroquias da cidade, para poñer fin ao seu abandono e atender como merece toda a cidade, nos seus 110 quilómetros cadrados de extensión, e non apenas uns poucos ámbitos do seu centro.
Por iso, aos 2 millóns que propón o Goberno de Caballero para o HALO, Igrexas demanda que se mobilicen outros 10 millóns de euros adicionais “para atender as necesidades reais da cidade.
¬MINUTO DE SILENCIO POR MURCIA
O Portavoz municipal do BNG asistiu ao minuto de silencio institucional realizado ás 12:15h desta mañá diante da porta do Concello pola desgraza rexistrada esta fin de semana en Murcia. Igrexas, trasladou en nome do Bloque “todo o noso alento e afecto ás familias das 13 persoas falecidas e o noso desexo dunha pronta e completa recuperación das que resultaron feridas”.
No entanto, o nacionalista anunciou que van trasladar a súa queixa formal ao Alcalde pola “indecencia” de convocar aos grupos da oposición (ás 11:44) con apenas 31 minutos de antelación ao acto, e unicamente a través de correo electrónico. Un feito “inxustificábel” sobre todo despois de coñecer que os medios de comunicación foran avisados media hora antes que os membros da Corporación.
“É inaceptábel que actúen co seu sectarismo excluínte mesmo nun minuto de silencio. Vigo merece máis”, reprochou Igrexas nunha mensaxe publicada nas súas redes sociais.