O BNG alerta do recorte dun terzo do persoal na vixianza e seguridade da rede museística de Vigo
Xabier P. Igrexas: “É incomprensíbel que nun contexto de pandemia, no que se está a reforzar a seguridade e o control nas instalacións de acceso público, o Goberno municipal decide recortar na seguridade dos nosos museos”.
A fronte nacionalista demandará explicacións ao Goberno municipal a quen urxen que rectifique e atenda as alegacións presentadas pola representación sindical da CIG.
Perante o proceso de licitación en curso para adxudicar o servizo de vixianza e seguridade da rede museística da cidade de Vigo, o Bloque Nacionalista Galego vén de alertar de que, tal e como denuncia a representación sindical, o prego provocará o recorte dun terzo do seu persoal.
Este recorte nun servizo que xa se desenvolvía nunhas condicións moi precarias suporá unha importante redución da capacidade operativa, polo que desde o Bloque anuncian que demandarán explicacións ao Goberno municipal.
“O persoal de seguridade da rede museística xa leva moitos meses padecendo unha situación de enorme precariedade, tamén no ámbito laboral, cun ERTE que inda non cobraron e con graves irregularidades por parte das empresas que xestionaron o servizo e que son perfectamente coñecidas polo Goberno local”, apuntou o concelleiro do BNG na cidade, Xabier P. Igrexas.
Igrexas asegurou que “é incomprensíbel que nun contexto de pandemia, no que se está a reforzar a seguridade e o control nas instalacións de acceso público, o Goberno municipal decide recortar na seguridade dos nosos museos”. “Por iso imos pedir explicacións e que rectifiquen atendendo as alegacións que se lles formularon por parte da CIG en representación do persoal”, explicou.