O BNG de Vigo pide a paralización inmediata das obras denunciadas no nacemento do río Lagares
Interpelarán o Goberno municipal na Comisión Informativa de Medio Ambiente do Concello e rexistrarán iniciativas no Parlamento galego
Xabier P. Igrexas: “Non é a primeira vez que se producen este tipo de actuacións nas proximidades do río pola vía dos feitos consumados, polo que para o BNG é claro que o Concello non pode ficar de brazos caídos diante do que pode constituír unha irreversíbel agresión ambiental ao río Lagares”
O Bloque Nacionalista Galego demanda a paralización inmediata das obras que veñen de ser denunciadas no nacemento do río Lagares, na parroquia de Cabral, concretamente nas inmediacións da lagoa Mol.
O Portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, dirixirase ao Goberno municipal para demandar a súa actuación diante de obras de grande alcance nas inmediacións do curso fluvial do río, con utilización de maquinaria pasada, movementos de terras e talla de arboredo nun ámbito de máis de 200 metros, das que non hai constancia nin da súa finalidade nin de que conten con ningún tipo de autorización.
“Non é a primeira vez que se producen este tipo de actuacións nas proximidades do río pola vía dos feitos consumados, polo que para o BNG é claro que o Concello non pode ficar de brazos caídos diante do que pode constituír unha irreversíbel agresión ambiental ao río Lagares”, defendeu.
Igrexas anunciou que interpelarán ao Goberno municipal na Comisión Informativa de Medio Ambiente que se vai celebrar o vindeiro luns para que dean conta de se tiñan constancia destas obras e das medidas adoptadas para garantir a protección ambiental do río e da súa contorna.
Así mesmo, dado que a Xunta de Galiza ten competencias sobre o propio curso fluvial, a fronte nacionalista tamén dará traslado desta denuncia e da demanda de actuacións e explicacións a través de iniciativas no Parlamento galego.