O BNG tacha de “fume preelectoral” os orzamentos da Xunta para 2024 que insisten no “abandono” de Vigo
A fronte nacionalista critica que os investimentos previstos sexan pouco máis do 1% do orzamento total, cando a cidade representa máis do 11% da poboación e do PIB galego
Cualifica de “insólito” que o proxecto de contas fora presentado pola presidenta local do PP e non pola delegada territorial da Xunta en Vigo
Xabier P. Igrexas: “Os compromisos concretos que se recollen son unha verdadeira tomadura de pelo a todas as viguesas e vigueses”
O Bloque Nacionalista Galego tacha de “fume preelectoral” o proxecto de orzamentos da Xunta de Galiza para o vindeiro ano 2024. A fronte nacionalista considera que as contas do Goberno galego son “unha nova confirmación do total abandono co que o Partido Popular castiga e maltrata a maior cidade de Galiza desde o ano 2009”.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, criticou que os investimentos previstos na cidade sexan pouco máis do 1% do orzamento total da Xunta de Galiza (198 millóns de euros sobre un total de 13.257), cando Vigo representa máis do 11% da poboación e do PIB galego.
“Son as contas do tempo de desconto do presidente accidental Rueda”, valorou o voceiro nacionalista. Nese sentido, anunciou que o Bloque traballa xa na elaboración dunha ampla batería de emendas para “corrixir” uns orzamentos que, asegurou, non atenden as necesidades do actual contexto social e insisten en políticas fracasadas coas preto de 300 mil galegas e galegos que viven en Vigo.
Igrexas cuestionou tamén o feito “insólito e sen precedentes” de que o proxecto de contas fora presentado pola presidenta e portavoz municipal do PP de Vigo, Marta Fernández-Tapias, en lugar da delegada territorial da Xunta, Ana Ortiz, presente na rolda de prensa realizada na sede local dos populares.
“Resulta non só improcedente senón profundamente antidemocrático que a señora Tapias se atreva a falar en nome da Xunta, non sabemos se é por que lle sabe a pouco ser a vicepresidentísima ornamental da Deputación ou porque esqueceu que hai teoricamente unha nova delegada”, criticou o portavoz municipal do BNG, quen afeou ademais o “entusiasmo” co que foron presentadas unhas contas que “son unha verdadeira tomadura de pelo a todas as viguesas e vigueses”.
Instituto de Navia e pistas de atletismo
Entre a falla de investimentos do Goberno galego na cidade, dende a fronte nacionalista destacaron a “indecente” partida de 362 mil euros para a redacción do proxecto do “mil veces prometido” Instituto de Navia, unha reivindicación histórica da comunidade educativa e da veciñanza do barrio. No mesmo sentido, denunciaron a negativa do PP á posta en marcha da reforma das pistas de atletismo de Balaídos, incumprindo o acordo subscrito co Concello por impulso do BNG desde á concellaría de Deportes hai xa 14 anos.
Vivenda e sanidade
Para o BNG tamén resulta “unha broma pesada” o escaso compromiso da Xunta coa vivenda pública, pese a ser un dos principais problemas da cidade, con case 7 mil familias rexistradas como demandantes de vivenda protexida, e malia uns prezos “imposíbeis” que aumentaron nun 50% nos últimos 5 anos. Do mesmo xeito, critican que o PP continúe coa “nefasta política de privatizacións e recortes que converteron Vigo na zona cero da desfeita sanitaria”. O portavoz nacionalista insistiu na urxencia de fortalecer a Atención Primaria e o PAC, así como o rescate da concesión do Hospital Álvaro Cunqueiro e a absorción de Povisa na rede pública “para deixar de destinar cada ano máis de 170 millóns aos petos de empresas privadas”.
Cero euros para escolas infantís e residencias
Aliás, Igrexas criticou a “clamorosa ausencia” de recursos para poñer en marcha novas prazas públicas en residencias de maiores, centros de día e escolas infantís. Tamén no relativo á reactivación produtiva e industrial de Vigo, a pesar da continua perda de empregos, a situación “límite” do sector naval e as dificultades crecentes da automoción coa “permanente ameaza da deslocalización” e da pesca, entre outras causas, pola boom eólico “depredador” que quere impoñer o PP tamén no mar galego.