O BNG esixe da Xunta medidas reais para poñer fin á «insoportábel sinistralidade laboral» nos estaleiros de Vigo
A deputada no Parlamento galego, Carmela González, reclama que na xuntanza da Mesa do Sector Naval saia «unha folla de ruta concreta con decisións verificábeis para atallar dunha vez por todas a gravísima e inaceptábel sinistralidade laboral»
A fronte nacionalista rexistrará unha nova batería de iniciativas no Parlamento para que a Xunta de Galiza faga públicos os datos reais sobre os accidentes que se rexistran no sector
Xabier P. Igrexas: «A raiz da brutal sinistraliedade labaoral no naval está na crecente precariedade laboral. Este modelo produtivo que insiste na precariedade é un risco para a seguridade, a saúde e mesmo a vida dos traballadores e traballadoras»
De cara á xuntanza da Mesa do Sector Naval que vén de ser convocada, despois dunha década de inactividade, para o vindeiro 25 de outubro, desde o Bloque Nacionalista Galego esixen da Xunta de Galiza «compromisos e medidas reais» para actuar diante da crecente sinistraliedade laboral nos estaleiros de Vigo.
A deputada do BNG no Parlamento galego, Carmela González, e mais o Portavoz municipal nacionalista no Concello de Vigo, Xabier P. Igrexas, mantiveron esta mañá un encontro cos secretarios comarcais das federacións de industria da CIG, CCOO e UXT para abordar a situación do naval.
Na xuntanza, González e Igrexas reiteraron o «total e rotundo» apoio da fronte nacionaista ás reivindicacións das organizacións sindicais que tras a morte dun traballador na antiga Barreras, o pasado mes de setembro, volveron urxir medidas por parte das administracións.
González xa defendeu na Comisión de Industria do Parlamento galego en datas recentes a necesidade dunha «resposta áxil por parte da Xunta como autoridade laboral». A deputada nacionalista reclama que «hai que actuar para garantir a seguridade e a prevención de riscos laborais nun sector tan duro e exposto como a construción e a reparación naval». Nese sentido, considerou un «tímido primeiro paso» a convocatoria da Mesa do Sector Naval, esixida polos sindicatos baixo coa ameaza de convocar unha folga xeral no sector, pero esixiu que desa reunión ten que saír unha «folla de ruta concreta con decisións verificábeis para atallar dunha vez por todas a insoportábe sinistralidade laboral no sector», lembrando que nos últimos anos son xa 5 os operarios falecidos no seu posto de traballo, os dous últimos en menos dun ano.
Un dos feitos que evidencia o «descontrol e falla de supervisión» da seguridade laboral no sector naval é a ausencia de datos e estatísticas oficiais sobre a sinistraliedade. «Sabemos, polos sindicatos e o propio persoal, que son diarias as incidencias e accidentes, algúns de gravidade, pero o Goberno galego non ofrece datos concretos», reprochou González, anunciando que o BNG vai rexistrar no Parlamento unha nova batería de iniciativas para poder coñecer en detalle a situación.
A precariedade raíz do problema
De por parte, o portavoz municipal do BNG de Vigo chamou a actuar para resolver o problema desde as súas causas profundas. «A raiz da brutal sinistraliedade está na crecente precariedade laboral. Nun modelo de estaleiro de síntese, imposto polo empresariado, que provoca situacións de alto risco como a que se vive na actualidade na antiga Barreras, con 60 empresas diferentes traballando simultaneamente pola subcontratación en cadea e na que o 90% do persoal que traballa nas gradas non é do estaleiro», explicou Igrexas.
«Este modelo produtivo que insiste na precariedade é un risco para a seguridade, a saúde e mesmo a vida dos traballadores e traballadoras», proclamou, denunciando a falla dunha «actuación enérxica por parte da Xunta, como autoridade laboral, diante dos máis que coñecidos e reiterados incumprimentos da normativa en materia de prevención e seguridade no traballo».
Desta maneira, Igrexas esixiu medidas «de fondo e non parches de cara á galería» para evitar novas mortes. «O que nos di o persoal do sector é que calquera día vai haber unha novo falecemento. Non podemos permitir que pase por non facer o necesario», enfatizou.