O BNG de Vigo pide que se priorice a atención das vítimas do incendio sobre “especulacións morbosas ou culpabilizacións apresuradas”
A fronte nacionalista reitera a súa disposición a colaborar co Goberno municipal e está facendo un “seguimento puntual” da evolución do sucedido desde primeirísima hora da mañá
Xabier P. Igrexas: “A de hoxe é claramente unha das mañás máis tristes e duras da historia recente da nosa cidade”
Nunha comparecencia de urxencia, realizada ao remate da rolda de prensa ofrecida polo Alcalde de Vigo, o Bloque Nacionalista Galego volveu trasladar o seu “inmenso pesar” polo tráxico incendio decorrido esta madrugada na rúa Afonso X.
O Portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, principou a súa intervención diante dos medios de comunicación asegurando que “a de hoxe é claramente unha das mañás máis tristes e duras da historia recente da nosa cidade”. Reiterou tamén a súas sinceras e emocionadas condolencias para as familias das 4 persoas falecidas, tres delas menores, e tamén o desexo da “total e pronta recuperación” das persoas feridas, algunhas delas arestora en situación de gravidade.
Igrexas chamou a priorizar a atención das vítimas e de todas as persoas afectadas polo grave incendio rexistrado nas Travesas co obxectivo de permitirlles que poidan “recuperar a normalidade o antes posíbel”.
Neste sentido, o BNG deu conta de que desde primeirísima hora da mañá de hoxe está a “monitorizar cun seguimento puntual” a evolución do sucedido. Ás 7:21h, poucos minutos despois de que transcendese publicamente o incendio, o portavoz municipal nacionalista contactou telefonicamente con Carlos Font, portavoz do Goberno local, para lle trasladar a “total disposición do BNG a colaborar no que sexa necesario”. Ao longo da mañá, tamén mantivo contacto coa concelleira de Benestar Social, Yolanda Aguiar, para coñecer en detalle o dispositivo de emerxencia social despregado para atención das vítimas e da veciñanza desaloxada. “Cremos que esa ten que ser a prioridade neste momento: asistir e axudar a quen padeceu as brutais consecuencias deste tráxico incendio”, remachou.
No BNG defende que “haberá momento para esclarecer o sucedido até o final, para coñecer que pasou e porque pasou” e tamén para avaliar a resposta que se lle deu a esta traxedia. “Non é momento agora nin de especulacións morbosas nin de acusacións apresuradas”, sentenciou Igrexas, que avogou por permitir que as investigacións avancen.
Na súa comparecencia, Igrexas tamén informou de que a Portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, se puxo en contacto con Abel Caballero para lle trasladar en primeira persoa as súas condolencias.
O portavoz municipal nacionalista concluíu expresando que “temos a absoluta certeza e a plena confianza en que as viguesas e vigueses van responder, como sempre respondemos diante de situacións crítica, con solidariedade e sensibilidade”.