COMUNICADO
O BNG de Vigo expresa o seu inmenso pesar polo tráxico incendio rexistrado esta madrugada nas Travesas
Perante o gravísimo incendio rexistrado esta madrugada nun edificio da rúa Afonso X e que, segundo datos oficiais, provocou a morte de 4 persoas, 3 delas menores de idade, 9 feridos e feridas e o desaloxo do resto de residentes, o Bloque Nacionalista Galego quere expresar publicamente o seu inmenso pesar por unha traxedia sen precedentes que encolle o corazón de toda a cidade.
En primeiro lugar, o BNG queremos trasladar as nosas sinceras e emocionadas condolencias ás familias dos falecidos e o desexo dunha pronta e total recuperación dos e das feridas. Así mesmo, agardamos que as persoas desaloxadas reciban a atención precisa que lles permita volver á normalidade canto antes. Temos plena confianza en que a cidade responderá, como sempre fai diante de sucesos que nos poñen a proba, expresando todo o seu afecto e alento ás vítimas e aos seus seres queridos.
Tal e como xa se lle trasladou ao Alcalde, a través do Portavoz do Goberno municipal poucos minutos despois de transcender publicamente o acontecido, o BNG expresamos a nosa plena disposición a colaborar en todo o que sexa necesario para ofrecer, antes de máis, o apoio que precisen as vítimas.
Por derradeiro, expresar o noso maior recoñecemento á labor realizada polos servizos de emerxencia, nomeadamente os bombeiros e persoal sanitario, e tamén as forzas de seguridade para enfrontar este terríbel suceso que ten a toda a cidade conmocionada.
Vigo, Galiza, a 11 de outubro de 2023.
Xabier P. Igrexas
Portavoz municipal do BNG de Vigo