O BNG acada un acordo unánime contra a sinistralidade no sector naval da ría de Vigo ante o incremento de accidentes laborais
A través dunha proposición non de lei defendida pola deputada do BNG, Carmela González, o BNG acadou un “acordo unánime” contra a sinistralidade no sector naval da ría de Vigo e mellora das condicións laborais para frear o incremento de accidentes e perda de vidas humanas.
Na defenda da proposta, a nacionalistas lembrou que o 24 de novembro de 2022, ás 11h da mañá, un peón de 42 anos faleceu nos estaleiros Cardama de Vigo ao caerlle enriba un gran bloque de aceiro que estaba sendo descargado dun camión. O traballador falecido traballaba para unha empresa auxiliar do naval e o 20 de setembro de 2023, ás 12.05h da mañá, un operario de 41 anos tamén falecía nos estaleiros Armón de Vigo ao quedar esmagado por un guindastre, o operario falecido traballaba para unha subcontrata dunha subcontrata de Armón.
Estas dúas mortes, dixo, Carmela González producíronse en menos de un ano no sector naval de Vigo e que se suman ás que se produciron con anterioridade nun sector cun alto risco de sinistralidade laboral sen que “nin a Inspección de Traballo, nin a Xunta de Galicia adoptaran as medidas para evitar estes accidentes”, denunciou.
O 21 de setembro, un día despois da morte do seu compañeiro, as tres centrais sindicais maioritarias no sector naval da Ría de Vigo convocaron unha manifestación que foi secundada pola maioría dos traballadores e traballadoras do sector para mostrar a súa indignación por outro accidente que segou a vida do seu compañeiro.
Novo modelo de estaleiro baseado na precarización e baixo custe
O novo modelo de estaleiro de síntese baseado na presión, precarización e baixo custo que se esta a implantar no naval galego, explicou Carmela González, está a provocar a fragmentación do sector e impide a consolidación de estruturas empresariais fortes que garantan unha formación axeitada do persoal que se incorpora ás compañías. “Un modelo subvencionado polo Goberno Galego sen ningún tipo de control en materia de seguridade e que empeora as condicións de traballo subcontratando o groso do traballo e reducindo drasticamente o cadro de persoal dos estaleiros”.
Na súa opinión, é o momento de tomar medidas urxentes para garantir condicións de traballo seguras e cun modelo produtivo que aposte por condicións laborais dignas que eviten o gran número de accidentes que se están a producir no ámbito laboral.
Os datos de sinistralidade laboral en Galiza nos últimos anos son “alarmantes,” 6.000 accidentes laborais, dos que 15 tiveron como resultado a morte da persoa traballadora, “15 vidas que deberían terse evitado se se adoptaran as medidas e se dedicaran recursos de prevención”, sentenciou a deputada.
A Xunta de Galicia acaba de presentar a nova Estratexia de Seguridade e Saúde Laboral, unha medida que o BNG e as organizacións sindicais levan anos demandando e que por fin o Goberno Galego tivo a ben poñerse a traballar para reducir a alta sinistralidade laboral que se produce no noso país.
Ademais, engadiu, as organizacións sindicais levan tempo demandando que as administracións tomen medidas ante as numerosas denuncias por este novo modelo de traballo no sector que impide o control condicións laborais.
Para mudar esta situación, “as tres organizacións sindicais máis representativas veñen demandando a convocatoria da Mesa do Naval, 13 anos sen convocar, na que estean representadas todas as partes, organizacións sindicais, empresas (estaleiros e industria auxiliar), e as administracións, incluídas a Inspección de traballo e o ISSGA”, co fin de establecer as liñas e cos axentes implicados sobre as prioridades do sector na cidade de Vigo e a súa comarca abordando de maneira urxente as medias que garantan unha actividade segura aos traballadores e traballadoras dos estaleiros e das empresa auxiliares.
O Goberno Galego, afirmou a deputada, ten que deixar de “escorrer o vulto” e actuar achegando medios e recursos para que os traballadores e traballadoras desenvolvan a súa actividade en contornas seguras e condicións laborais dignas que garantan a súa seguridade.
“As axudas que se destinen por parte da Xunta de Galicia ás empresas do sector naval teñen que estar suxeitas a garantir condicións laborais seguras e dignas. Basta xa de encher os petos dos accionistas con cartos públicos sen condicións”, concluíu a deputada do BNG.