O BNG de Vigo esixe un plan de dinamización para Peinador ante o fracaso das subvencións a aeroliñas

A fronte nacionalista reclama maior investimento estatal, coordinación da Xunta e liderado municipal para impulsar o aeroporto vigués
“Cando os cartos acaban ou lles parecen insuficientes, as aeroliñas voan pero para marcharen de Peinador”, denuncia Xabier P. Igrexas

O portavoz municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) en Vigo, Xabier P. Igrexas, denunciou hoxe o “fracaso” do modelo de subvencións a aeroliñas como Ryanair, cuxos reiterados incumprimentos con Peinador -que xa motivaron sancións municipais- evidencian a “necesidade urxente dun cambio estratéxico”. O BNG propón un plan de dinamización para o aeroporto de Vigo que implique a todas as administracións e consolide a terminal como un grande vertebrador da área de Vigo, do sur do noso País e da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal.
Igrexas criticou duramente a política actual, afirmando que “cando os cartos acaban ou lles parecen insuficientes, as aeroliñas voan pero para marcharen de Peinador”. Segundo o portavoz municipal nacionalista, as subvencións só benefician ás compañías privadas sen garantir unha oferta estábel, deixando a Vigo cunha conectividade aérea insuficiente. O BNG demanda medidas concretas, empezando polo Goberno estatal, que debe modernizar Peinador, mellorar os seus accesos, permitir a apertura 24 horas e potenciar o transporte de mercadorías.
Da Xunta de Galiza reclaman que debe abandonar a “confusión” que favorece a terminais competidoras, como o Sá Carneiro en Porto, e promover a articulación dun verdadeiro sistema aeroportuario galegom, baseado na coordinación e con Peinador como referente do sur de Galiza. De por parte, engade Igrexas, o Concello ten que liderar a colaboración interadministrativa e corrixir “situacións delirantes” como a falla dunha liña directa de autobús urbano á terminal.
O BNG insiste en que o futuro de Peinador non pode depender de decisións “caprichosas” das aeroliñas, senón dun compromiso firme das administracións para reforzar unha infraestrutura chave para a maior cidade de Galiza e a súa contorna.