O BNG de Vigo chama a iniciar a remunicipalización do bus urbano diante da nova prórroga da concesión

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, reunido con representantes do Comité de Vitrasa
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, reunido con representantes do Comité de Vitrasa

A fronte nacionalista denuncia o “escurantismo” do Goberno municipal coa licitación do novo servizo ante a finalización do actual contrato con Vitrasa

“Temos a maior oportunidade nos últimos 30 anos para dotar Vigo dun servizo de bus á altura da principal cidade de Galiza”, defende o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas

O BNG de Vigo chama a iniciar a remunicipalización do bus urbano diante da nova prórroga da concesión

O Bloque Nacionalista Galego chama a comezar o proceso para remunicipalizar o autobús urbano en Vigo. A fronte nacionalista pide aproveitar a nova prórroga na actual concesión de Vitrasa para constituír unha empresa municipal de transporte que permita xestionar de forma directa este servizo esencial, similar á existente noutras cidades galegas e do conxunto do Estado.

Así o demandou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, quen se reuniu este martes con representantes do Comité de Empresa de Vitrasa para analizar o futuro do servizo. “A fortaleza económica do Concello da que tanto presume Caballero faino perfectamente posíbel, en lugar de hipotecar a cidade unha década máis cunha xestión privatizada”, defendeu en declaracións aos medios.

Igrexas insistiu en que a fin da concesión de Vitrasa é a “maior oportunidade” nos últimos 30 anos para dotar a principal cidade de Galiza dun servizo de bus urbano á altura do século XXI e para unha urbe que conta con case 300 mil habitantes e 110 quilómetros cadrados de superficie.

Lembrou nese sentido as “enormes deficiencias” do actual servizo de bus urbano, con 250 frecuencias menos que antes da pandemia, cun mapa de liñas “obsoleto” e que non conecta adecuadamente os barrios e parroquias nin servizos esenciais como o Hospital Álvaro Cunqueiro, o aeroporto ou o campus universitario. Aliás, denunciou a precariedade das condicións laborais en Vitrasa, que motivaron unha folga e numerosos paros nos últimos anos; e tamén que o prezo de billete (mesmo bonificado) sexa o máis caro de todas as cidades galegas.

Escurantismo

Dende o BNG criticaron o “escurantismo” do Goberno local coa concesión de bus urbano, cuxa licitación iniciou a pasada semana. Entre os motivos, as nacionalistas afean a falla de xustificación para unha nova prórroga de Vitrasa, cuxo contrato vence en xuño pero que, segundo avanzou o alcalde, se alargará como mínimo até xaneiro de 2026. “Sabían dende hai cinco anos cando remataba o actual contrato”, lamentou.

O portavoz nacionalista subliñou tamén a falla de información sobre o chamado ‘Estudo técnico sobre a demanda do transporte urbano colectivo’, contratado en novembro de 2023 por case 320 mil euros, e cuxo prazo de entrega finalizou hai medio ano. Un estudo que, segundo o Goberno local, será a base para o deseño dos pregos e da actualización do mapa de liñas, e que na súa elaboración debía incluír 4 mil enquisas en fogares e persoas usuarias. “Non temos constancia que se teña realizado ningunha”, advertiu.

Do mesmo xeito, Igrexas lamentou que o Goberno municipal tampouco teña explicado o motivo de que o custo do servizo vaia incrementar case nun 90% pasando dos case 24 millóns de euros actuais a 45 millóns. E afeou o “nulo diálogo” co tecido asociativo, co movemento veciñal e co Comité de Empresa para a nova concesión, como demostra que o Consello Sectorial de Transportes do Concello leve un lustro sen convocarse.

O BNG de Vigo chama a iniciar a remunicipalización do bus urbano diante da nova prórroga da concesión