O BNG de Vigo planta o acto institucional pola Constitución reivindicando máis democracia e soberanía para Galiza
Xabier P. Igrexas: “Nada temos que celebrar dunha Constitución que nos nega como nación e que lexitima unha institución arcaica, antidemocrática e corrupta como a monarquía dos Borbóns”
O concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, non acudirá, un ano máis, ao acto institucional organizado polo Concello de Vigo co gallo do día da Constitución española. Tampouco o fará ningunha outra representante institucional da fronte nacionalista na cidade, como xesto de rexeitamento cara ao modelo de Estado que impuxo o réxime do 78.
Igrexas sinalou que “nada temos que celebrar dunha Constitución que nos nega como nación e que lexitima unha institución arcaica, antidemocrática e corrupta como a monarquía dos Borbóns”.
O portavoz municipal nacionalista reclamou “avanzarmos en máis democracia e soberanía para Galiza” fronte a un texto constitucional que non permite o “pleno desenvolvemento do noso País nin o exercicio dos dereitos fundamentais e sociais, reducidos a papel mollado” mais que si blinda “o centralismo do Estado e o seu espolio colonial dos nosos recursos”, así como o “asoballamento cultural e a negación do noso idioma”.
“Non imos participar na adoración totémica dunha constitución erixida en sacrosanta polo españolismo reaccionario"
"É tempo de avanzarmos, superando o pacto co franquismo que representou a chamada Transición, conquistando a plena capacidade de decisión para o pobo galego para construírmos a República da Galiza igualitaria, xusta socialmente, radicalmente democrática e libre de toda forma de explotación”, remachou Igrexas.